Arantza Portabales Santomé gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2015

OArantza Portabales Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia xa ten gañador: unha historia de intriga, cun ritmo áxil que se move con soltura entre diversos planos temporais, e que tece unha engaiolante trama arredor dunha non menos fascinante protagonista, a vencedora dun programa de telerrealidade. No transcurso dunha cea literaria celebrada o 9 de xullo no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre desvelouse a identidade do autor da obra, presentada co título de Sobrevivindo e baixo o lema Xoabela: a autora resultou ser Arantza Portabales Santomé, escritora de microrrelatos. Sobrevivindo impúxose por maioría ás outras dúas novelas finalistas, Sempre navegar e A virxe das areas.
A obra vencedora saca partido á estrutura característica do galardón, é dicir, unha narración que, capítulo a capítulo, capta a atención do lector: cada entrega remata cun convite a seguir o fío da historia ao día seguinte, ata a sorprendente conclusión do seu remate. Sobrevivindo ten como protagonista principal a Val Valdés, unha muller que no ano 2000 se presentou a un programa de telerrealidade, do que saíu vencedora e rica. A partir deste intre, convértese nunha empresaria da que apenas se coñece a súa vida privada. A novela vai alternando pasado e presente, así como diferentes personaxes, para tecer unha trama de intriga arredor do personaxe, cunha serie de secundarios de trazos ben definidos: o seu fillo, a súa sogra, o avogado que traballa para ela, unha antiga relación adolescente, un profesor daqueles tempos… todos eles gravitan arredor de Val Valdés nun suspense que medra a medida que se coñecen máis datos da historia e que non exclúe un asasinato.
A autora da novela recibirá un premio de 6.000 euros e a súa obra será publicada no xornal durante o mes de agosto, a razón dun capítulo diario, e tamén na súa edición dixital. Cada entrega estará ilustrada, como xa é habitual, polo traballo de Juan Carlos Abraldes.