Desde TerraChaXa:
“A Casa do Concello de Meira acollerá este venres, 19 de xuño, ás 19.00 horas, o acto de entrega dos premios do IX Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz, unha iniciativa promovida polos concellos de Meira e Riotorto coa colaboración da Asociación Cultural Avelino Díaz.
A convocatoria volveu rexistrar unha elevada participación, con preto de 300 traballos procedentes de centros educativos e participantes de practicamente toda Galicia, consolidándose como unha das citas culturais de referencia para a promoción da creatividade artística e literaria en lingua galega.
Na categoría de debuxo, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, o primeiro premio foi para Pablo Morcillo Devesa, do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira, pola obra Historia de Avelino. O segundo galardón recaeu en Xiana Folgueira Pacio, do mesmo centro, por O sol de Avelino, mentres que o terceiro premio foi para Sabela Pérez González, do CEIP de Riotorto, coa obra A casiña de Avelino. O accésit correspondeu a Youssef Moujniba, tamén do CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz, por Avelino inspirándose no Miño.
No apartado de poesía para participantes de entre 9 e 12 anos, María Mercedes Moreno Cardoza, do CEIP de Riotorto, acadou o primeiro premio coa obra O paso do tempo. Nayara Ferreiro Díaz e María Vázquez Regueras, ambas do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, obtiveron o segundo e terceiro premio respectivamente, coas creacións Judo e Belver.
Na categoría de poesía para mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, o primeiro premio foi para Lía Enríquez Salgado, do IES Enrique Muruais da Pontenova, coa obra O galego. Julia Armada Recalde e Adrián Barciela Cabanas, tamén do mesmo centro educativo, recibiron o segundo e terceiro premio por As mans que gardan historias e A Terra queda. O accésit foi para Nelly Palmeiro Castro pola obra Quedan cousas túas.
Entre os participantes adultos na modalidade de poesía, Javier Rodríguez González, de Ourense, conseguiu o primeiro premio coa obra As illas antígrafas. O segundo premio foi para Carlos Neira Suárez, de Mugardos, por Leva e achega, mentres que Paula Andrea Ani, de Riotorto, obtivo o terceiro galardón con Bardo da Muxueira.
Na categoría de relato para maiores de idade, Soledad García Riveiro, de Nigrán, resultou gañadora co traballo Rockwell: mazos da auga. César Ramos Domínguez, da Baña, acadou o segundo premio con O vello Antián e Jacobo Paz Limia, da Coruña, o terceiro por A nai de Súa. O accésit foi para Roberto Jesús Hermida Lorenzo, de Cospeito, pola obra Muller fumando ao sol.
O xurado encargado de valorar os traballos estivo presidido por Xosé Otero Canto e contou como vogais con Mario Outeiro Iglesias e María Airado Otero. Actuou como secretaria Yoani Jartín Salgado.”
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Alberto Lema, Ivana Gómez Abuín e Santiago Lopo, Premios Xerais 2026
Mon G. Buhigas gaña o XI Premio de novela curta Antón Risco 2026
“Na sede da Fundación Vicente Risco, en Allariz, o día 23 de maio de 2026 reuniuse o xurado do XI Premio de novela curta Antón Risco 2026, composto por Celia Fernández Clemente, María Elvira Moroño Suárez, Héitor Mera Herbello (por delegación), Alejandro Castro Botello e Javier Rúa Soto.
Actuou como secretaria sen voz e sen voto Ana Gloria Rodríguez Alonso.
Despois da deliberación, acordouse por maioría conceder o premio do ano 2026, consistente en 3.000€ mais a publicación da obra no selo editorial Doutor Alveiros, como prevén as bases do certame, á novela titulada Azul, cuxa autoría corresponde a Mon G. Buhigas.
O xurado salientou a calidade lírica e a intensidade emocional da novela, así como a autenticidade da voz narrativa para tratar un tema íntimo e doloroso, como é a perda dun ser querido.”
Danse a coñecer os micro-relatos gañadores da 14ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz
“Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, demos a coñecer os micro-relatos gañadores da 14ª edición do noso concurso literario OZOCOgz.
Tras unha participación record de 48 achegas resultaron gañadores:
– Micro-relato gañador: «YAEL SOÑA», da autoría de Ramón Caride Ogando.
– Micro-relato finalista: «UN DISPARO», da autoría de Sonia Corral Franco.
O xurado estivo formado polas escritoras e escritores Alba Rodríguez Saavedra, Manuel Esteban, Óscar Reboiras e Rita Doallo (gañadora da edición anterior), xunto co libreiro de Bueu, Fernando Miranda Estévez.
Os gañadores recibirán os seguintes premios:
– 1º premio ao relato gañador: 1 O Xogo do PICAPAU, 1 vale por unha estadía de 1 noite para dúas persoas en réxime de almorzo buffet e uso das piscinas de auga minero medicinal (2 horas día e con cita previa) a elixir entre o Balneario de Laias e o Balneario de Lobios, 1 vale para unha degustación gastronómica para dúas persoas no restaurante/pulpería Casa Gazpara do Carballiño.
– 2º premio ao relato finalista: 1 camisola e 1 caderno de OZOCOgz, e 1 lote de libros, doados polas editoriais Belagua e Galaxia.
Fica pendente unha data para a festa de entrega de premios.
Pódense ler os relatos gañadores na seguinte ligazón“
O Xurado do XXXV Certame de Narracións Breves Manuel Murguía anuncia os seus finalistas
“A espera. Dúas historias de amor”, de Iria Collazo, gaña o XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros
Desde Galaxia:
“O xurado do XXXVIII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades), reunido o 14 de abril de 2026 na Casa do Concello da Estrada, acordou por unanimidade conceder o galardón á obra A espera. Dúas historias de amor, da autoría de Iria Collazo López.
O xurado destacou da novela a súa capacidade para mergullar o lector nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida.
Segundo recolle a acta, a obra presenta unha narración de grande forza emocional, que conduce por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros, debuxando un complexo mundo de relacións interpersoais no que ninguén sae indemne.
Tamén se salientou a súa escrita con profusión de citas literarias, o fino esmerilado dos dous períodos narrativos, a admiración pola contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que percorre a novela, conducindo a un final climático que a pecha luminosamente.
O xurado estivo composto por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, actuando como secretario Carlos Loureiro Rodríguez. (…)”
Xosé de Cea gaña IV Premio de Novela da Galicia Rural con “Nacional 547”
Desde Galaxia:
“No día de onte reunido telematicamente o xurado da IV Edición do Premio de Novela da Galicia Rural convocado Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaria Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, composto por Tania Vázquez García, Armando Requeixo Cuba, Óscar Reboiras Loureiro, Alba Gil Vicente, Marcos Calveiro e, como secretario en nome do concello de San Xoán de Río, con voz pero sen voto, Miguel García-Fernández, acordou por maioría de votos conceder o premio a obra presentada baixo o título Nacional 547.
Unha vez aberta a plica resultou da autoría de Xosé de Cea, nado en Barcelona en 1970, quen exerce a escrita en diversos ámbitos como poesía, narrativa e xornalismo. (…)
En palabras do propio autor Xosé de Cea, “Nacional 547, máis que unha estrada, é a vea aberta pola que se desangra en hemorraxias de arela e frustración a vida dun adolescente na Palas de Rei dos anos oitenta. O mozo retorna dende Barcelona cos seus pais a unha vila rural que para el será un territorio de exilio cuxas coordenadas lle resultan incomprensibles. Atoutiñante e desorientado, irá descifrando a existencia na procura de redención grazas aos códigos achados na amizade e na traizón, no sexo e no desamor, nas drogas, na violencia, na soidade, na literatura, no rock… Un relato iniciático adubado con pornografía, heavy metal e Goma 2 que non deixará indiferente a ninguén.””
Luís Rei Núñez faise co II Premio Álvaro Cunqueiro de Novela coa súa obra Elas dúas
Francesco Martín Traficante e Lourenço Álvarez gañan os Premios Carvalho Calero
Desde Nós Diario:
“Ferrol homenaxeou esta terza feira un dos seus escritores natais e máis importantes, Ricardo Carvalho Calero. Fíxoo a través da entrega do premio que leva ao seu nome e que galardoa a investigación lingüística e a creación literaria, un certame que naceu en 1990 tras o falecemento do escritor e que foi recuperado recentemente polo Concello após non se convocar desde 2008.
Este certame naceu da man da Sociedade Cultural Medulio co obxectivo de promover a figura do autor e promover a defensa da lingua galega a través da investigación lingüística e da produción de novas pezas literarias. Agora que a organización do galardón asumiuse desde a esfera institucional, Medulio apoia e arroupa os premios a través da súa participación activa no xurado, como sinala a Nós Diario unha das persoas que o integran: o escritor e investigador Manuel Rei Romeu.
A liberdade normativa da lingua é garantida neste certame, posto que son aceptadas na súa presentación tanto obras escritas na normativa oficial da Real Academia Galega como na reintegracionista. Como explicou Rei, “é un premio que garante a liberdade normativa, non é o único pero é dos poucos que o fai”. O edil de Cultura do Concello de Ferrol, José Antonio Ponte Far, explicou a Nós Diario que foron moitas as obras escritas coa normativa reitegracionista que concorreron no premio, unha participación que destacou ao considerar positivo que “non se descarten outras opcións escritas, lingüisticamente tan válidas como o galego normativo”. Carvalho Calero foi un dos máximos defensores da normativa reintegracionista na Galiza, abrindo o debate sobre o futuro da lingua no país.
Nesta edición do certame, 63 obras concorreron ao premio, das cales 59 foron presentadas na modalidade de narrativa e tan só cinco na de ensaio, unha participación que o propio Manuel Rei valora moi positivamente, tamén o fixo coa revitalización destes galardóns e coa suba “na dotación orzamentaria” a 4.000 euros dos premios ás persoas gañadoras.
Das 63 persoas participantes no certame os galardóns foron para o profesor de lingua inglesa Francesco Martín Traficante Pérez na categoría de Investigación lingüística con O galego língua nacional… ou língua autonómica, un ensaio que, como subliña Ponte, pon o foco no achegamento do galego e do portugués, ao considerar que esta proximidade favorece a impulsar a lingua galega internacionalmente.
Na rama de Creación literaria, o premio foi para Lourenço Álvarez Ruiz, profesor xa xubilado, con O portão verde. Ambas as obras reflicten o compromiso dos seus autores pola defensa da literatura e a lingua galega.
O acto ademais de recoñecer a creación literaria do país, tamén foi unha homenaxe á figura de Carvalho Calero, na súa cidade natal da que é Fillo predilecto. Unha homenaxe que contou coa presenza da súa filla María Victoria Carballo-Calero e dos seus netos. Da mesma forma, durante a entrega dos certames, o lingüista José-Martinho Montero Santalha e a escritora Delia Vázquez Vázquez, a cal foi ex alumna e amiga do autor, pronunciaron dous discursos na súa loanza.
Manuel Rei Romeu destacou a importancia deste tipo de certames para visibilizar e promover a figura de Carvalho Calero, considerando que “deberá haber outras institucións a nivel galego que deberán facer máis por el e non ser algo completamente local”.”
Ditame do XXIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
“A mañá do 22 de decembro de 2025, o xurado fallou o premio do XXIV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos na salón de actos da Casa da Cultura.
O xurado constituído por: Chelo Martínez Pérez, concelleira de cultura; Oliva Fraga Lombardía, secretaria do xurado; Mariña Pérez Rei, escritora e profesora; Mª Dolores Arxóns Álvarez, profesora e escritora; Xavier Castro Rodríguez, profesor e escritor, e Antonio Piñeiro Fernández, profesor e escritor, reuníanse, despois das deliberacións, no salón de actos da Casa da Cultura para proceder á lectura da acta:
Por unanimidade, o xurado decidiu declarar DESERTA a convocatoria do XXIV Certame.
O xurado estimou:
1.- A súa satisfacción polo número de participantes en aumento desta volta, na que se achegou a 16 orixinais.
2.- Declarar o premio deserto, dado que os orixinais non acadaron os mínimos de calidade literaria que se esixe neste Certame.
3.- Mencionar o feito de que algunha das obras sería susceptible de melloras lingüísticas e literarias que sustentasen o interese do seu argumento.”





