3º Premio Biblos-Pazos de Galicia: finalistas

“O 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia decidirase o vindeiro mes de xullo entre as escritoras mozas Cristina Ferreiro Real, de Lugo; Patricia Casas Vázquez, da Coruña, e Raquel Campos Pico, de Santiago pero que reside en Madrid. As tres foron declaradas finalistas por un xurado integrado pola que será este ano a titora da gañadora, a escritora Helena Villar Janeiro, o xornalista e tamén escritor Camilo Franco, o gañador da anterior edición, Alberto Ramos, e o director literario de Biblos.
As aspirantes ao premio, que presentaron no seu día unha memoria do proxecto, deberán entregar agora antes do 15 de xuño unha versión o máis elaborada posible da novela.
A gañadora poderá pasar o mes de outubro a gastos pagos na Casa Grande do Bachao e estará tutelada para ultimar a obra por Helena Villar, poeta, narradora e ensaísta cunha ampla experiencia tamén como articulista e docente. O premio conleva tamén un ordenador portátil e a edición da obra en galego e na súa tradución ao castelán.” (Biblos – Clube de lectores)