Patricia Casas gaña o IIIº Premio Biblos-Pazos de Galicia

“Unha coruñesa de 24 anos, Patricia Casas Vázquez, é a gañadora do 3º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou no transcurso dunha cea literaria que se desenvolveu na Casa Grande do Bachao, preto de Santiago, con asistencia dun cento de persoas representativas do mundo literario e cultural galego entre as que se atopaba o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará.

Licenciada en Dereito e estudante de Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña, a autora ofrécenos en «Vidas entrelazadas» (título provisional da obra galardoada) unha visión do transcorrer da existencia urbana, complexa, dinámica, ás veces caótica e sempre chea de xogos do azar, reflexo de indiferencias e do efémero da maioría das cousas. Son varias historias independentes que teñen en común o marco no que se desenvolven —a cidade da Coruña— e tamén a relación casual que constitúe a alma da propia cidade.

O xurado estivo integrado polo gañador do ano pasado, Alberto Ramos; o xornalista e escritor Camilo Franco; o director literario de Biblos, Tucho Calvo, e a escritora e profesora Helena Villar Janeiro, que ademais de actuar como secretaria será a titora de Patricia Casas no que queda para rematar a súa novela. Segundo pon de manifesto a acta de concesión do premio, o xurado considerou a importancia da «adecuación da novela aos ritmos urbanos e a vontade de atopar formas alternativas de narración que singularizan esta proposta».

O premio apórtalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar «Vidas entrelazadas» baixo a tutela de Helena Villar e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano.

[…] Con Patricia Casas foron finalistas Cristina Ferreiro Real, de Lugo, tamén presente na cea, e Raquel Campos Pico, que aínda que é natural de Santiago reside actualmente en Madrid.” (Premio Biblos-Pazos de Galicia)