A AELG inicia o proxecto “Escritores/as en Compostela” coa presenza do escritor Jean-Philippe Toussaint

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg), en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, inicia o proxecto “Escritores/as en Compostela” co que se pretende traer autores/as internacionais ao noso país e así dar oportunidade aos lectores de afondar no coñecemento da súa obra dunha forma máis persoal, a través de encontros e conferencias.

O proxecto inaugúrase coa presenza do escritor Jean-Philippe Toussaint (Bruxelas, 1957), un dos máis brillantes escritores en lingua francesa da súa xeración.

Estará en Galiza os días 6, 7, 8 e 9 de febreiro, celebrando o primeiro día un encontro con escritores/as galegos no Club Internacional de Prensa en Santiago; o día seguinte participará nunha mesa redonda de presentación do seu libro Fuxir (Galaxia, 2007) no Casino de Compostela, na que estarán presentes o autor, Xavier Queipo, un representante da editorial, o concelleiro Nestor Rego e o presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez. Finalmente, o día 8 trasladarase a Vigo para estar presente nunha serie de actos organizados pola Editorial Galaxia.

(AELG)