Seminario internacional “Creación, edición e crítica: poetas galegas e irlandesas”

Seminario internacional AELG(A Coruña, 14 outubro 2008).- Organizado conxuntamente polo Grupo de Investigación Poesía e Xénero e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, os vindeiros 16 e 17 de outubro vaise celebrar no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela un seminario internacional baixo título Creación, Edición e Crítica: poetas galegas e irlandesas (ver programa).

Este seminario internacional reúne representantes do mundo editorial, da crítica e da creación poética tanto de Galicia como de Irlanda con obxecto de que poidan poñer en común as súas experiencias en relación ao fenómeno da recente emerxencia de mulleres poetas en ambas comunidades. Até a actualidade, foi frecuente realizar seminarios cunha presenza dominante de investigadoras e algún escritor convidado, pero coa ausencia do mundo editorial. No seminario que aquí presentamos, tratase de inverter esta práctica e darlles a palabra prioritariamente ás escritoras, que dialogarán con críticos e editores sobre as relacións entre a creación, a edición e a crítica.

Galicia e Irlanda comparten fortes lazos culturais e semellanzas sociais que foron obxecto de numerosas investigacións. Ademais de promover as relacións internacionais entre os ámbitos literarios galego e irlandés, este seminario profunda na transformación da tradición literaria provocada pola incorporación de numerosas escritoras aos seus sistemas literarios respectivos nos últimos trinta anos, co conseguinte impacto no mercado editorial e no sector da crítica. Convidouse a dúas poetas irlandesas e a catro poetas galegas, sendo un dos temas de interese o da elección lingüística en comunidades oficialmente bilingües.

Á perspectiva comparatista, internacional e de xénero, engadese o interese por representar espazos diferentes da crítica, reunindo tanto a académica como a xornalística, con obxecto de analizar a súa repercusión na recepción da poesía de mulleres. De igual xeito, participan neste seminario representantes do mundo editorial irlandés (Salmon Publishing) e galego (Xerais) que contan con importantes coleccións de poesía e que se amosaron receptivos á emerxencia de mulleres escritoras. O carácter de “seminario” desta actividade ten como obxecto favorecer os debates entre as persoas que interveñen, así coma co público asistente. Ademais dos relatorios e os debates, terán lugar dous recitais de poesía co obxecto de favorecer o encontro e coñecemento mutuo das poetas galegas e irlandesas.
Participarán Celia de Fréine, Kerry Hardie, Jessie Lendennie, Irene Gilsenan-Nordin, Marilar Aleixandre, María Lado, Xiana Arias Rego, Fran Alonso, Ramón Nicolás, María do Cebreiro Rábade e Luz Pichel.
(Gabinete de Comunicación da AELG)