(A Coruña, 31 outubro 2008).- Organizada pola asociación de escritores en lingua catalana, os encontros Galeusca chegan á súa XXV edición (ver programa), a celebrar no País Valenciano do 7 ao 9 de novembro nas localidades de Valencia e Sueca.
Trátase do primeiro encontro tras a constitución o pasado 15 de xuño da Federación Galeusca, que agrupa ás asociacións de escritores en lingua catalana, éuskaro e galega.
O tema central desta XXV edición xira arredor da “literatura e a paisaxe do eu”, co obxectivo de despregar e afondar na literatura como un espazo de construción do propio suxeito e as súas múltiples concrecións. Até que punto cando escribimos sobre os diferentes aspectos que nos rodean non falamos de nós mesmos? Até que punto non nos construímos a partir da reflexión feita na propia obra? Ou á inversa, cando algúns escritores, reflexionando sobre a propia experiencia, foron capaces de implicar toda unha xeración ou visión do país.
Doutro lado, o suxeito do século XXI é un suxeito cambiante que deu lugar a pseudobiografías ben persoais, xa sexa pola historia vivida e interpretada, xa sexa pola vontade de facerse unha subxectividade en liberdade que se afaste dos estereotipos herdados, un aspecto que tamén inclúe os modelos sexuais prefixados.
Para falar destes aspectos e doutros puntos de vista que o tema suxira, distribúese o tema en tres sesións de traballo:
1. “Sobre paisaxes propias”, onde os relatorios centraranse sobre a propia ficción, sobre a propia obra literaria, convertindoos nun espazo de reflexión autobiográfica persoal e colectiva;
2. “O dietarismo, unha forma de reflexión”, centrada no xénero literario do dietario, baixo as distintas formas, persoal, cultural, literaria, de reflexión persoal e colectiva;
3. “Este experimento que se chama eu”, abordando temas de constitución do individuo e da creación da propia subxectividade, tamén sexual, sen esquecer as referencias ás novas linguaxes experimentais que levan a cabo as voces máis novas de cada literatura.
Como actividade paralela celebrarase un recital literario coa participación de tres escritores/as de cada unha das tres asociacións.
Os/as membros da delegación galega son:
Marica Campo
Francisco Castro
Manuel Forcadela
Agustín Fernández Paz
Anxos Sumai
Marilar Aleixandre
Isidro Novo
Xerardo Méndez
Carlos Negro
Antía Otero
Mercedes Queixas
Elvira Riveiro Tobío
Xan Arias
Xavier Queipo
Cesáreo Sánchez Iglesias
(Gabinete de Comunicación da AELG; tel: 660 530 525; correo-e: prensa@aelg.org)