«A Federación de Asociacións Galegas de Arxentina homenaxeará a Castelao cun acto en Bos Aires o próximo 20 de xaneiro. Varios representantes da colectividade galega en Arxentina acudirán á ofrenda floral que se colocará no monumento levantado en honra do escritor, político e intelectual galego, na praza que leva o seu nome na capital porteña. Actuarán a cantante Lorena Lores e a Banda de Gaitas Federal.
Mentres, aquí, na outra beira do Atlántico, a Fundación Castelao anuncia que acabará de catalogar este ano toda a obra de Castelao. Este mesmo día, coincidindo co 59 cabodano do escritor, terá lugar, como todos os anos, unha homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval (Compostela), onde repousan os seus restos. Será diante do sartego ás 17.30. O autor morreu o 7 de xaneiro de 1950 no hospital do Centro Galego de Bos Aires. Tamén no Rianxo natal de Castelao, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, presidirá a homenaxe, que comeza ás 11.00 cunha intervención na casa da cultura. Posteriormente, realizarase unha ofrenda floral no monumento a Castelao. […]» (A Nosa Terra)