VI Certame Literario Concello de Ames de Narrativa e Poesía

O Concello de Ames convoca o VI Certame Literario de narrativa e poesía, con tres categorías en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira.

Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 20 de abril de 2009 catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara e a dobre espazo ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avda de Azcárraga nº5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades. Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo ao departamento de Normalización lingüística.