O Concello de Soutomaior convoca a segunda edición do Premio de Micronovela. O prazo de presentación remata o 17 de maio. Poden descargar o díptico coas bases en PDF neste enderezo.
Bases do II Certame de Micronovela “Concello de Soutomaior”
I. Poderán concorrer a este certame todas/os aquelas/es autoras/es de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras orixinais, inéditas, escritas en lingua galega e non presentadas a ningún outro certame a celebrar entre a convocatoria e o fallo do presente.
II. Os participantes deberán presentar os seus traballos en sobre pechado, sen remite ou calquera outra forma de identificación, no rexistro de entrada do Concello de Soutomaior. No exterior do sobre debe constar: II CERTAME DE MICRONOVELA “CONCELLO DE SOUTOMAIOR”. Tamén poderán envialos por correo certificado segundo o establecido pola Lei de Réxime Xurídico de Procedemento Administrativo Común no artigo 38.4 á dirección: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Aléxandre Bóveda nº 8. C.P. 36691. Soutomaior.
III. Os traballos presentaranse por cuadriplicado, con pseudónimo e baixo plica pechada na que consten os datos persoais do autor (nome, apelidos, data de nacemento, DNI, enderezo e teléfono/s de contacto). En cada unha das copias debe aparecer o pseudónimo elixido polo autor e o título da obra.
IV. O prazo de presentación das obras abrirase o 14 de Febreiro e pecharase o 17 de Maio de 2009. Nas obras enviadas por correo a data de entrega será a que figure no rexistro de entrada da oficina de Correos correspondente.
V. As obras terán unha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. Nesta medida o xurado poderá amosar certa flexibilidade se a calidade e/ou as características da obra así o requirisen.
VI. Outorgarase un único premio dotado con 3000 €. Se o xurado así o estimase poderá outorgar un accésit sen dotación económica. A obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galicia.
VII. O fallo do xurado, designado polo Excmo. Concello de Soutomaior, terá lugar na segunda semana do mes de xullo e darase a coñecer nos principais medios de comunicación de Galicia.
VIII. Os autores premiados terán que recoller en persoa os seus galardóns nun acto de entrega de premios que se celebrará no mes de Xullo no Castelo de Soutomaior.
IX. As obras que non resulten gañadoras serán destruídas.
X. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que as obras aspirantes non acaden o nivel mínimo esixido polo xurado. Neste caso farase unha mención de honra cun premio simbólico a aquelas obras de maior calidade.
XI. A decisión do xurado é inapelábel.
XII. A participación no certame implica a aceptación de todas as bases expostas na presente convocatoria.