II Certame de Poesía Victoriano Taibo

A Entidade Local de Morgadáns en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos convoca o II Certame de Poesía VICTORIANO TAIBO – ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS dotado con TRES MIL (3000) € que se rexerá polas seguintes bases:

1.- Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións.

2.- Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.

3.- De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30, 36380, Gondomar.

4.- Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de entrega do premio e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.

5.- O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 25 de xullo de 2009.

6.- O xurado estará presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, ou persoa na que delegue, e actuará como secretario o Director do IEM, ou persoa na que delegue, ambos con voz pero sen voto. Estará constituído, ademais, por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.

7.- A obra premiada será publicada polo IEM na colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.

8.- O xurado, se estima que a calidade das obras así o permite, poderá conceder o premio ex aequo. Tamén poderá deixar deserto o premio convocado.

9.- Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.

10.- O feito de participar supón a aceptación destas bases.