A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino), apoian o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e fan un chamamento á participación na manifestación que o vindeiro 17 de maio sairá ás 12 da mañá da Alameda de Compostela.
A AS-PG, a AELG e a CIG-Esino coincidimos na necesidade de pór de manifesto a vontade de todas e todos os que amamos o noso idioma, e así o vindeiro 17 de maio convidamos a todas e a todos a participar na manifestación convocada pola Mesa Pola Normalización Lingüística, reclamando o noso dereito a convivir en galego, reclamando que o noso idioma, ese que é a meirande construción do noso pobo, lingua en que as escritoras e os escritores galegos edificaron a casa común da nosa cultura propia, teña os mesmos dereitos xurídicos có español.
Rexeitamos os reiterados anuncios de derrogación do Decreto 124/2007 realizados desde a Xunta de Galicia despois do 1 de marzo, porque o que cómpre, á vista das últimas investigacións sociolingüísticas que confirman o carácter recesivo da lingua galega no seo da súa propia sociedade, o que é urxente, é a aplicación dese Decreto e que se garanta que as nenas e os nenos, a mocidade, reciba ensino en galego, aprenda en galego, aprenda o galego, e poida así medrar coñecendo o seu idioma, facéndoo vivo na súa propia boca e na súa pluma, manténdoo vivo cara ao futuro.
Preocúpanos que se sigan repetindo argumentos que non se corresponden coa realidade, porque non é certo que o noso idioma se estea impoñendo, ben ao contrario, é a nosa vella lingua a que segue sometida á presión do español, inserida nun patente proceso de substitución lingüística, a que segue sen estar presente como lle corresponde no mundo da xustiza, no cine, nos medios de comunicación, na tecnoloxía, no ocio infanto-xuvenil, na nosa vida diaria, dificultándonos vivir en galego, impedindo que as xeracións futuras poidan medrar en galego.
Desde a AS-PG, a AELG e a CIG-Ensino facemos un chamamento a apoiar o manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego e a participar na manifestación do 17 de maio. E demandamos que o novo goberno da Xunta de Galicia cambie a súa postura sobre o noso idioma, que escoite ao pobo galego que xa está reclamando o apoio efectivo á lingua de noso e que o vindeiro día 17 deixará patente a súa vontade nas rúas de Compostela.