Esta semana Libro aberto celebra o Día das Letras Galegas, recibindo ó ensaísta Antón Baamonde, que falará do homenaxeado deste ano, o filósofo e intelectual galeguista Ramón Piñeiro. Na primeira reportaxe do programa farán un repaso pola biografía de Ramón Piñeiro, figura clave para entender o galeguismo. Salvador García Bodaño dará as explicacións necesarias para entender por completo a figura do intelectual de Láncara. A seguir abordarán a actividade do Centro Ramón Piñeiro que, como o escritor que lle dá nome, contribuíu de xeito decisivo á normalización da lingua galega. Con máis de 150 publicacións no seu haber, este centro é un dos principais grupos de investigación en humanidades de Galicia. Ademais na sección de novidades literarias darán conta tanto das reedicións das obras de Ramón Piñeiro como das novas publicacións vencelladas ao homenaxeado.
O programa ocúpase tamén dos Premios Literarios Minerva que dende hai 50 anos e coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas outorga o colexio Manuel Peleteiro. Un certame de longa tradición que comezou chamándose Xogos Florais Minerva, e do cal saíron os escritores galegos máis importantes da nosa literatura actual.
Na sección de crítica Armando Requeixo explicará que ademais do noso Día das Letras Galegas existen outras efemérides literarias nacionais. Escocia, Irlanda ou Cataluña teñen días de homenaxe ás súas literaturas.
Pecha o programa unha novidade sobre o homenaxeado no Día das Letras Galegas de hai seis anos: a Fotobiografía do poeta Antón Avilés de Taramancos. Esta publicación gráfica e sonora de Ouvirnos permítenos recorrer as distintas etapas da vida e obra de Avilés de Taramancos.
Libro aberto emítese hoxe mércores 13 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.