O sábado 16 de maio pola mañá a asociación Espazo Lectura abriu na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura, nun acto durante o que tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar ante o público e os medios de comunicación. A Casa da Lectura, unha iniciativa pioneira creada desde o asociacionismo civil, foi resaltado como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar ubicado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural para facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura. No acto participaron a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; o fotógrafo Manuel G. Vicente; a contacontos e actriz Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño, en palabras da directora do CEIP, Carmen Mora, “o mellor dos soños posibles ver a transformación máxica dun espazo escolar”.
A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e declarou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que xa se viña facendo por parte da asociación en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se convertirán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular co capacidade de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.
O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode poñer en valor a través dun libro como Os ollos do Contomar e da Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”. As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo o o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico do libro é poder ver as caras dos nenos, coa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resalto o papel sociabilizador e enriquecedor da lectura nunha sociedade individualizada e impermeabilizada polo consumismo.