Gondomar: María Reimóndez visita o Comando Le

Desde Espazo Lectura:
“O sábado 27 de xaneiro, a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) vai acoller a primeira sesión do ano do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. Nesta ocasión a sesión xirará arredor do traballo das organizacións de cooperación internacional e contará coa presenza da escritora María Reimóndez, quen lles falará aos comandoleiros e comandoleiras da súa experiencia neste ámbito, moi especialmente desde o proxecto de Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega da que ela foi fundadora no ano 1998 e presidenta ata o 2013. Ademais, aproveitaremos tamén para conversar sobre a súa novela Corredora, obra que os mozos e mozas do Comando Le leron no pasado mes de novembro. Como é habitual, a sesión desenvolverase entre as 20:00h e as 00:00h e faremos unha pausa para cear.”

Gondomar: A Fogueira dos Versos, de Espazo Lectura

A noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo con A Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo cultural que este ano correrá a cargo de Luís Correa “Caruncho”, quen, acompañado da súa zanfona, interpretará un repertorio de música tradicional.
A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida.

Gondomar: María Lado na Casa da Lectura

Este mércores 10 de xuño ás 18:30 horas a Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, 36388, Gondomar) acollerá unha sesión de contacontos a cargo da poeta e presentadora María Lado, que se caracteriza por elevar as súas propostas creativas á categoría de espectáculo. María Lado, que conduciu como presentadora e narradora o programa Planeta Fantasía, de Lúa Films, baseado en contos da literatura infantil galega e emitido pola TVG, poñerá á disposición das nenas e nenos de Gondomar toda a súa capacidade para contar historias diante do público. Deste xeito, a Casa da Lectura pon en marcha a primeira das sesións da súa programación especial no ámbito do fomento da lectura.

Gondomar: abre a “Casa da Lectura”

casa-da-lectura-1O sábado 16 de maio pola mañá a asociación Espazo Lectura abriu na parroquia de Donas, en Gondomar, a Casa da Lectura, nun acto durante o que tamén foi presentado o libro Os ollos do Contomar ante o público e os medios de comunicación. A Casa da Lectura, unha iniciativa pioneira creada desde o asociacionismo civil, foi resaltado como un proxecto pioneiro en Galicia que ten a singularidade de estar ubicado no ámbito rural e dirixirse a unha comunidade rural para facilitarlle o diálogo cos libros e a lectura. No acto participaron a presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas; a directora do CEIP Souto-Donas, Carmen Mora; o alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo; o fotógrafo Manuel G. Vicente; a contacontos e actriz Paula Carballeira e o escritor Gonzalo Navaza. O mal tempo non desluciu un acto non exento da emoción de ver cumprido un soño, en palabras da directora do CEIP, Carmen Mora, “o mellor dos soños posibles ver a transformación máxica dun espazo escolar”.

casa-da-lectura-2A presidenta de Espazo Lectura, Concha Costas, resaltou a importancia da Casa da Lectura como un proxecto de recuperación para devolverlle a vida a espazos en desuso e habilitalos para o libro e a cultura, e declarou que a programación de fomento da lectura que todos os mércores pola tarde se vai levar a cabo nela supón dobrar a oferta de actividade arredor do libro e a lectura que xa se viña facendo por parte da asociación en Gondomar. Contacontos, obradoiros de ilustración, recitais poéticos ou merendas con contos son algunhas das actividades que se convertirán en citas habituais da Casa da Lectura. Nese sentido, Concha Costas resaltou a importancia de traballar desde a base para que o fomento da lectura funcione e dea resultados positivos, ofrecendo unha programación regular co capacidade de crear hábito, máis alá das actuacións puntuais.

O alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo, gabou o proxecto de Espazo Lectura que, dixo, se pode poñer en valor a través dun libro como Os ollos do Contomar e da Casa da Lectura e resaltou que este traballo de Espazo Lectura “vai dar moito que falar e moito que ler”. As intervencións da escritora Paula Carballeira e Gonzalo Navaza foron as máis emotivas, apoiando co seu entusiasmo o o traballo que se está a realizar. A actriz Paula Carballeira resaltou que o máis fantástico do libro é poder ver as caras dos nenos, coa emoción compartida de quen está a gozar da fantasía e da imaxinación, e o escritor Gonzalo Navaza resalto o papel sociabilizador e enriquecedor da lectura nunha sociedade individualizada e impermeabilizada polo consumismo.