Edicións Espiral Maior convoca en Galicia e Portugal o XVII Premio de Poesía Espiral Maior, un dos certames poéticos máis importantes dos que na actualidade teñen lugar no ámbito peninsular ibérico. O Premio de Poesía Espiral Maior, patrocinado por Ámbito Cultural El Corte Inglés, está dotado con 15.000 €, o que o converte no mellor dotado economicamente de Galicia e nun dos mellores dotados, no que atinxe á poesía, do panorama ibérico e europeo.
Poderán presentarse ao Premio libros escritos en galego e en portugués, inéditos e cun mínimo de 600 versos e o prazo de admisión dos mesmos rematará o día 20 de xuño de 2008.
O libro premiado, cunha tiraxe de 2.000 exemplares, verá a luz na Colección Poesía de Edicións Espiral Maior, unha colección poética que conta con máis de 200 títulos publicados e que está considerada como a máis importante colección de poesía na historia da edición galega e nunha das máis importantes do ámbito ibérico.
En anteriores convocatorias do Premio resultaron gañadores os poetas galegos Yolanda Castaño e Xavier Seoane e, na última edición, o poeta portugués Amadeu Baptista.