A Coruña: recital de Cesáreo Sánchez Iglesias

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, informa que o vindeiro martes 13 de outubro, terá lugar un novo acto dentro do ciclo ‘Poetas coruñeses’, que se ven desenvolvendo ao longo do ano. Nesta ocasión recitará Cesáreo Sánchez Iglesias.

Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín-Irixo, 1951) é autor dunha ampla obra,principiada en 1978 con Silencios e conversas de inverno. Estudiou Arquitectura Técnica e Socioloxía e Ciencias Políticas en Madrid e foi un dos fundadores da Agrupación Cultural Lóstrego, que presidiu. Continuou a manter unha posición dinámica dentro da creación do movemento asociativo cultural durante a transición, colaborando na formación da Agrupación Cultural Avantar, do Carballiño, sendo posteriormente presidente da A. C. Alexandre Bóveda da Coruña. Foi director de Edicións A Nosa Terra e presidente do semanario do mesmo nome. Traballa na Oficina Técnica de Arquitectura da Xunta de Galicia. É tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A súa poesía, varias veces premiada, caracterízase por unha elaboración en chave simbolista e evocativa, realizada en versos breves. Está considerado un dos nomes máis relevantes da promoción poética da década de 80.

Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), con entrada libre.