Marilar Aleixandre, “Escritora na súa Terra 2010”

A homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega no 2010 a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura da escritora Marilar Aleixandre. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da asociación, e tense constituído como unha celebración na que a terra de orixe ou de adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural.

Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a. A homenaxe a Marilar Aleixandre celebrarase na primavera do 2010.

Os Bos e Xenerosos

Outro importante premio outorgado pola AELG é Os Bos e Xenerosos que, na edición do ano que ven, recoñecerá o labor desenvolvido polos vintesete concellos que organizaron o Premio Blanco Amor de Narrativa, que cumpre o vindeiro ano o seu 30º aniversario. No transcurso da Cea das Letras, que se celebrará na primeira semana de maio do 2010, entregarase o galardón ao concello de Poio, organizador do certame no 2010, en nome de todos os concellos que participaron na súa organización ao longo da súa traxectoria.

Premio ás Institucións

Tamén na Cea das Letras entregarase o premio AELG ás Institucións, que na edición 2010 será entregado ao Salón do Libro Infantil de Pontevedra.