Os concellos de Allariz e Castro Caldelas e as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco comunican que o sábado, día 27 de febreiro, ás 12:30 horas, farase unha rolda de prensa, na sede da Fundación Sotelo Blanco, en San Marcos, Santiago de Compostela, onde o xurado da XV edición do PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS dará a coñecer a súa decisión. Este xurado estará composto por: Teresa Devesa Graña, concelleira de Cultura do Concello de Allariz; Fernando Acuña Castroviejo, profesor da Universidade de Santiago; Xosé María Eguileta Franco, Arqueólogo Municipal do Concello de Ourense; Luís Martínez-Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco; e Francisco Fernández Rei, profesor da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela e académico, que actuará como Secretario. O premio “Vicente Risco” está dotado con 6.000,00 euros para a obra gañadora, que publicará Sotelo Blanco Edicións segundo acordo cos organizadores do premio.