Entrevista de Alberto Ramos a Eva Moreda publicada en Xornal de Galicia:
Que unha obra erótica estea protagonizada por mulleres quere dicir que é para un público feminino ou é que volvemos chocar cos tópicos?
Busco lectores tanto como lectoras, non fixen unha obra para un público feminino. Certo é que lla pasei a un amigo para que me dera a súa opinión e, cando lla entreguei, díxenlle: “non te asustes”. Pero non é antihomes, en todo caso é antimachismo e non quero perder ningún lector por iso.
A literatura erótica segue sufrindo o estigma de ser historias para o entretemento, para a novela rosa e para nada máis elevado?
O prexuízo segue aí e resulta sorprendente que non se supere. Eu estiven en xurados de premios literarios nos que se desbotaban grandes obras que podían gañar unicamente pola súa carga erótica. Pódese escribir unha novela rosa só para entreter ou podes escribir algo que vaia máis aló co erotismo, porque é unha canle tan válida como calquera outra para retratar calquera tema literario. O problema, seguramente, reside en que hai unha visión do sexo que se basea nas pulsións máis salvaxes. Claro que hai instintos de naturalidade, mesmo de animalismo, pero iso condicionou demasiado a sexualidade. O sexo é natural, pero non só natural, tamén hai profundidade. [Ler entrevista completa]