Iago Martínez conversou cos escritores Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz para un artigo do suplemento Contexto de Xornal de Galicia:
“Don Francisco parece bo tipo. Disque tamén é da Terra Chá, coma min, e anda rillando na idea de investigar as escolas de emigrantes na zona. Paréceme un proxecto caralludo”. Máis ou menos iso era o que dicía o diario que Agustín empezou a escribir cando puxo o seu primeiro pé nas aulas como aspirante a profesor, hai case catro décadas. Tiña vinte e seis anos e iniciaba as prácticas, acabado o Maxisterio como número un da súa promoción, no Fogar de Santa Margarita da Coruña. O diario, como os que escribían os mestres rurais do Movimento di Cooperatzione Educativa italiano, afín aos comunistas, debía servir para reflexionar sobre o traballo docente e testemuñar a descuberta do oficio daquel mozo de Vilalba. Era lóxico que o seu titor asomase no caderno. Francisco, como intuía o seu pupilo, viña en efecto da Terra Chá, non de Vilalba senón de Rábade, e malia a que era case do seu tempo, apenas un ano máis grande, acertara antes coa vocación e daquela xa ensinaba matemáticas. Iso foi en 1973. Hoxe, os dous son escritores, en ambos casos distinguidos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Agustín converteuse en Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) e Francisco, que nunca chegou a investigar as escolas de emigrantes na Terra Chá, é ben máis coñecido como Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946). Deixaron a docencia, pero non a literatura nin a amizade. Para iso, de momento, non hai xubilación. [Ler texto completo]