A Feira do Libro de Santiago, que o sábado se inaugura no paseo da Alameda, terá este ano como unha das súas principais novidades a presenza dun stand monográfico onde se poñerán á venda só títulos de temática local, máis de sesenta referencias de todos os xéneros (infantil, ensaio, novela, poesía…). A iniciativa partiu do recén creado grupo de traballo EDITORES DE COMPOSTELA, que empezou a funcionar este mes de abril fundado por tres empresas culturais da cidade: Alvarellos Editora, Sotelo Blanco Edicións e Edicións Positivas, e que espera integrar nas próximas datas a máis editoriais ubicadas na capital de Galicia.
Conta co apoio da Concellaría de Cultura e tamén do Consorcio de Santiago, que terá á venda no stand parte do seu fondo editorial. No stand de EDITORES DE COMPOSTELA poderanse atopar os títulos que, sobre Santiago de Compostela, ten cada unha destas editoras nos seus respectivos catálogos. Entre outros, estarán á venda os contos infantís da colección “Branco de cores” de Sotelo Blanco ou as novidades de Edicións Positivas como Abelcebú, de Carlos Negro. Alvarellos Editora presentará na Feira dúas novidades editoriais: o luns 3 ás 20 horas, Apuntes históricos sobre Santiago, de Antonio López Ferreiro, libro co-editado co Consorcio e que conmemora o centenario do falecemento deste insigne historiador; o venres 7 ás 19 horas, o audio-libro de Uxío Novoneyra Tempo de elexía.
Os responsables desta nova iniciativa cultural consideran que “pode ser atractivo para calquera compostelán ou visitante atopar, nunha soa caseta da Feira, esta ampla e tan variada selección de títulos locais, algúns deles nada doados de atopar. Por outra banda, os editores de Santiago estamos obrigados a establecer accións conxuntas para fomentar a presenza do libro e da lectura na nosa xente, e facer participar tamén nisto ás administracións”.
• Para contactar con EDITORES DE COMPOSTELA:
Paco Macías: 660 397 064
Quique Alvarellos: 609 90 88 52