AELG: acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) vai celebrar mañá xoves 15 de xullo un acto cívico e reivindicativo en lembranza do traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro -que tivo lugar o 25 de maio de 1891-, e para que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres.
O acto conta co apoio e colaboración de máis de 200 entidades e colectivos, entre asociacións e fundacións de todo o país.
Un tren, identificado como Follas Novas, partirá da estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, o xoves día 15 de xullo ás 17,45 horas, para facer o traxecto Padrón-Compostela. Unha hora antes, ás 16,45, haberá unha concentración na colexiata de Santa María de Iria, no cemiterio de Adina, onde o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, informará do sentido dos actos, á vez que se lerá un poema de Rosalía de Castro.
Na estación de Compostela agardará a comitiva restante, actuando a banda municipal. Xa en Santiago, o cortexo sairá pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural, primeira parada da comitiva, onde haberá unha lectura de tres poemas de Cantares Gallegos, para continuar pola Praza da Universidade e pola Praza de Cervantes, onde se lerán outros poemas de Rosalía.
Finalmente, en San Domingos de Bonaval celebrarase unha audición do Ángelus, de Massenet, e unha lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións de diversos grupos musicais e artistas, para rematar o acto coa lectura dun comunicado reivindicativo da figura de Rosalía de Castro, cando se cumpren 125 anos da súa morte, e para que se garanta o acceso público ao Panteón dos Galegos Ilustres, unha vez coñecida a intención do Arcebispado de Santiago de Compostela de pechar as súas portas, despois dun litixio que lle outorga a titularidade do panteón á Igrexa.

PROGRAMA DO ACTO CÍVICO E REIVINDICATIVO

16.45 Concentración na colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Lectura dun poema de Rosalía e marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.
17.45 Saída do tren cara a Santiago
18.00 Recepción do tren “Follas Novas” na estación de Santiago de Compostela
Onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio e que se sumará neste momento ao cortexo a pé polas rúas compostelás, con actuación da banda municipal. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural.
18.45 Praza do Toural, primeira parada da comitiva.
Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos.
19.15 Praza da Universidade
Audición do Pietat Signore, de Stradella; lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos.
19.30 Praza de Cervantes
Escaparates da Libraría Couceiro dedicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas.
19.45 San Domingos de Bonaval
Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos musicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón.
Canto do Himno Galego.

Máis información (coa listaxe das entidades que apoian o cortexto cívico) pódese consultar aquí.