Elena Veiga Rilo gaña o 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos

Con Morto en fucsia, Elena Veiga Rilo (Guísamo-A Coruña, 1991), estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago, é a gañadora do 6.º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou o pasado venres 23 de xullo na tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Fina Casalderrey como titora e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Elena Veiga foi finalista Andrea Maceiras Lafuente, presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa ademais da recomendación do xurado de rematar o seu proxecto, no que tamén viu grandes posibilidades de rematar nunha boa novela.
O xurado, integrado por Fina Casalderrey, Pablo García Martínez (gañador da quinta edición) e Tucho Calvo, considera que, “cunha vizosa imaxinación e unha excelente agudeza no emprego da retranca, Elena Veiga ofrécenos unha historia tráxica de lectura amable, capaz de conmover nalgunha páxina ata encollerche o peito, e de arrincarche de súpeto unha gargallada en momentos de esperpento e hipérbole”, constituíndo “unha crítica mordaz e irreverente da sociedade actual que non deixa títere con cabeza: a igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, o fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma”. Conclúe o xurado que, “auténtica expoñente da que podería ser a nova Xeración Facebook, en Elena Veiga cómpre destacar o ben que xoga durante a construción da trama coa virtualidade e como se aproveita dela para agachar unha proposta de final que abate o lector”.
Antes da lectura da acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun breve concerto do Quinteto Pentalfa que lidera o gaiteiro Bieito Romero e tamén participaron na homenaxe que recibiu o libreiro Xesús Couceiro, a quen se lle fixo entrega do 2.º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura da asociación Pazos de Galicia que visualiza nunha escultura do artista Luís Loureira. Biblos e Pazos de Galicia quixeron salientar unha vez máis o papel fundamental e o esforzo totalmente altruísta que os titores veñen desempeñando no premio que organizan e, para deixarlles constancia do seu agradecemento, fixéronlles entrega dunha escultura creada para a ocasión por Ramón Conde e personalizada cos nomes de Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Fina Casalderrey.