A feira das industrias culturais galegas ten previsto celebrarse do 10 ao 12 de decembro na Coruña. O presidente da recentemente creada Asociación Culturgal, Xulio Amigo, reuniuse onte coa concelleira de Cultura coruñesa, María Xosé Bravo, acompañado polos tres membros da executiva de Culturgal: o vicepresidente da asociación, Ernesto Chao, o secretario, Cándido Meixide e a tesoureira, Beatriz Sieira, para comezar a andaina da que ten que ser a gran cita referencial da cultura galega. Polo de agora, o Concello da Coruña e Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) son os únicos apoios económicos garantidos para patrocinar o Culturgal, un encontro da industria da cultura que, en palabras do presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, “debe de estar sempre por enriba de circunstancias políticas” de tal xeito que o apoio se manteña independentemente de quen detente o poder no país.