Homenaxe a Francisco Fernández del Riego no seu domicilio

Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres 23 de xullo a Francisco Fernández del Riego, visitándoo na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como “inesquencible” e como “un agasallo”. Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara. Máis información aquí.