O Concello de Ortigueira organiza o vindeiro 6 de agosto, ás 21.00 h., unha homenaxe ao escritor, xornalista e político Leandro Pita Romero (Ortigueira, 1898-Bos Aires, 1985), coincidindo co seu 25 cabodano. Durante a xornada celebrarase unha mesa redonda titulada Leandro Pita Romero, o ortigueirés máis universal, que contará coa participación de Ramón Villares, o xornalista Moncho Barro e Gertrudis Pita Romero, irmá do escritor. Para contribuir á recuperación da súa memoria, e a proposta do Grupo de estudos ortigueireses, presentarase a edición facsimilar da novela de Leandro Pita O anarquista, publicada orixinariamente no ano 1924 na editorial Lar, dirixida por Uxío Carré Alvarellos.