Gondomar: presentación da exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo

O venres 10 de setembro, ás 20:30 h., na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida do Campo da Feira, 10, baixo) de Gondomar, inaugúrase a exposición Material metáfora, de Pepe Cáccamo, que permanecerá aberta entre o 10 de setembro e o 20 de outubro, podendo ser visitada os días laborables entre as 18:00 e as 20:00 h.
En palabras do propio autor, “Material Metáfora é un texto obxectual, un libro de poemas en tres dimensións, un volume antolóxico (unha antoloxía de ideas dotadas de volume) que pretende dar corpo a un conxunto teimoso de analoxías pertencentes ao campo semántico da luz, á textualidade impresa dos libros literalmente abertos, aos alfabetos da cor, á gramática das identidades antropomórficas… Son obxectos procedentes ás veces dunha incitación discursiva, dun pre-texto verbal. Noutras ocasións foi o diálogo dos corpos físicos, o parentesco de proximidade entre significados visuais, a clave organizativa da analoxía conceptual. Metáforas, símbolos, imaxes visionarias, alegorías, símiles … os recursos retóricos cos que se construíron os poemas deste volume pertencen ao campo dos chamados procedementos imaxinativos. Son os tropos da retórica literaria (clásica, moderna e contemporánea) que eu quixen trasladar ao espazo tridimensional. Alén da madeira, o ferro, o cristal ou o papel, o material básico destes obxectos é a Metáfora, ese invento, esa substancia prodixiosa que nos permite entregar vida acústica e visual ao diálogo de identidades que labran o texto do mundo.”