Entrevista de Xosé Manuel Pereiro a Xabier López en El País:
“Xosé Manuel Pereiro (XMP): Do que fala Os libros prestados é da influencia dos libros nos lectores. Mesmo considerou que As vidas prestadas non sería mal título.
Xabier López (XL): A idea era, e a foto da portada refórzaa, que suxerise un ensaio. Cítanse uns noventa autores, pero a xeito de comodíns, para falar de xente relacionada cos libros. Os libros non deixan de ser aínda parámetros de conduta, non coa intensidade de Madame Bovary ou o Quixote, pero teñen unha influencia na xente bastante notable.
XMP: En xente da súa xeración, non inflúen máis o cine ou a televisión?
XL: E os videoxogos, pero a literatura é anterior aos libros. E falar de literatura é máis interesante que falar de DVDs. No fondo, todo é narrativa.
XMP: Como ve a literatura galega?
XL: Hai dous anos, diría que habería que deixar a resistencia e a militancia cultural. Que unha literatura normalizada non debe ter ningún condicionante, e que o feito de optar por un idioma xa é abondo. Pero as estruturas culturais resultaron ser máis fráxiles do que pensabamos. A literatura non se acaba por un goberno, pero outra cousa é a incidencia que poden ter determinadas medidas á hora de transmitir a creación á xente. Iso de que a verdade se abre paso á luz polos seus propios medios é moi relativo. Se non se venden libros de texto en galego, as editoriais non poden publicar, nin en galego nin en nada.”