A Coruña: exposición A Coruña na creación do libro galego

O mércores 13 de outubro ás 19:30 h. inaugúrase a exposición A Coruña na creación do libro galego, que estará aberta até o domingo 21 de novembro (todos os días en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 h.). En 1810, hai agora douscentos anos, imprímese na cidade da Coruña o primeiro libro en galego, tres anos depois edítase o primeiro supervendas da literatura galega, pero é no período 1885-1931 cando se configura nesa cidade a moderna empresa editora. A partir de 1885, a Biblioteca Gallega de Martínez Salazar comeza a formar un público e a seguinte xeración de editores xa é quen de soñar un mercado. Leandro Carré e Ánxel Casal comezan a cadrar os números do libro galego. Sentido empresarial e compromiso ideolóxico están sempre presentes nos editores galegos.  A exposición está organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a Real Academia Galega. Aquí se pode descargar o folleto da exposición: A Coruña na creación do libro galego.