“Un alegato humanista e antibelicista”. Así cualificou o xurado do Premio Castelao de Banda Deseñada a historieta A man do diaño do debuxante Brais Rodríguez (Brión, 1980) que onte gañou a súa sexta edición. O galardón, convocado pola Deputación da Coruña, supón para este ilustrador un pulo para a súa motivación -a obra publicarase o vindeiro ano-, ademais dunha axuda económica -está dotado con 6.500 euros-. O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda fixo público onte a resolución xunto co comisario do certame, Miguelanxo Prado e a deputada responsable da área de Cultura, Caridad González Cerviño. O xurado destacou que “a partir dunha anécdota sinxela”, A man do diaño elabora “nun relato ucrónico, un alegato humanista e antibelicista”. Segundo comenta o debuxante, a historieta é “a historia de tres soldados que teñen unha visión bélica propia, pero mentres van cumprindo a súa misión, ven a dimensión humana da guerra”. Segundo explicou Miguelanxo Prado, A man do diaño sitúase “nun espazo de utopía e ucronía”, dende o que o debuxante “vai amosando un catálogo de situacións e implicacións dos personaxes” durante unha situación bélica, que levan ao lector a “unha reflexión sobre o absurdo das guerras”. A través diso, o debuxante coruñés afonda no “carácter humano do antibelicismo”, xa que os tres personaxes se formulan se a súa misión bélica ten sentido ou non. “Como en moitas películas bélicas, atopámonos nun escenario infernal, que non é humano, que non atopa sentido”, asegura o autor do cómic. De feito, o autor non quixo tampouco localizar a historieta nun país concreto. “Non concretei unhas coordenadas espazo-temporais. Podería suceder tanto nos países de Europa do Leste como en Suramérica. Non quixen remarcalo, senón que me centrei no aspecto antibelicista”, engade o autor. A acta do xurado destaca tamén o acertado uso dos recursos narrativos da obra premiada, “cun estilo moderno, claramente vencellado á banda deseñada europea máis nova”. Neste sentido, en opinión do debuxante, as súas influencias dentro do mundo da banda deseñada é unha “cuestión xeracional”. “Hai autores que levan creando moitos anos e que me influíron como Chester Brown”, comenta Brais Rodríguez, con referencia a un dos referentes do cómic independente dos anos 90 en Estados Unidos. Con todo, o debuxante nado en Brión non circunscribe as súas influencias só ao ámbito europeo ou americano. “Teño máis próximos a ilustradores españois como Bruguera, Vázquez ou Superlópez, que sempre están aí”, indica. (De Galicia Hoxe, tamén aparece a nova en Xornal, La Voz de Galicia).