Entrevista a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”