Artigo de Xabier P. DoCampo no Xornal de Galicia:
“(…) O tempo non é de liortas nin de definicións teóricas nin de teoloxías sociolingüísiticas, senón de labrar e sementar. É tempo de esixir que se cumpra a LNL (ameazada seriamente polo partido do goberno) e o PXNLG (que no ánimo de derrubalo xa se escoitaran voces que certos argumentos actuais fan lembrar). É tempo de seguir o exemplo do profesorado que segue a dar as súas clases en galego por enriba de prohibicións e de comenencias persoais, e de tantos galegos e galegas que seguen a loitar pola nosa lingua.
Perdoádeme o uso do dedo indicador, pero estades ollando para o lado equivocado. Virémonos e poñamos os nosos ollos nos de enfronte: os negacionistas, os inimigos do galego, os que procuran a súa desaparición. A eles é aos que lles temos que facer saber que só nós somos bilingües, que eles menten cando falan de bilingüismo, de equilibrio, de harmonía, de cordialidade… Que se arrogan o dereito de facer desaparecer a capacidade de decisión dos seus fillos ao negarlles a aprendizaxe da lingua galega… Tanto ten se son podengos os galgos, son cans.
Deixemos os asuntos que temos que dirimir entre nós (que os temos, coma todos) para outros momentos e para outros foros e non metamos o común no debate partidario ou persoal.”