
Arquivo da categoría: Lingua
Ortigueira: Programa do Congreso “Cunqueiro en Ortigueira en 1936” do 2-3 outubro 2026 e formulario de inscrición
Desde a Asociación Terras do Ortegal:
“O congreso que está a organizar Terras do Ortegal, e que terá lugar os próximos 2 e 3 de outubro (venres tarde e sábado mañá) no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, xa ten o programa completo.
En semanas anteriores fomos dando conta e anunciando as persoas que participarían cunha charla ou relatório no congreso, pero agora temos xa a palestra completa.
Está formado por un plantel selecto de profesores, ensaístas, escritores, editores e historiadores, combinando homes e mulleres tanto do Ortegal como de fora do noso territorio, nunha combinación que agardamos mereza a atención das persoas interesadas na figura e na obra de Álvaro Cunqueiro.
Como temos lembrado en numerosas ocasións en todos estes días de prolegómenos do evento, Álvaro Cunqueiro chegou a Ortigueira a primeiros de outubro de 1936, poucos meses despois da sublevación militar e do inicio da Guerra Civil —van polo tanto 90 anos desde súa chegada— e aquí estivo ata mediados de maio de 1937, case 8 meses.
Inscrición no Congreso
A inscrición é gratuíta pero necesaria, tanto por cuestións loxísticas como polas limitacións de espazo da sala que acolle ao Congreso, e debe facerse AQUÍ:
Programa do Congreso
Enumeramos a continuación os relatorios que conforman o congreso. Cada un dos relatores será presentado por persoas colaboradoras da asociación Terras do Ortegal relacionadas co mundo da cultura nas súas diversas formas, ás que agradecemos a súa participación.”
Queremos galego presenta unha ILP “para unha lingua vital” e de medidas para reverter a emerxencia lingüística

Desde Queremos Galego:
“Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026.- Representantes das entidades sociais apoiantes do protocolo lingua vital presentaron esta mañá no Parlamento galego unha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular (ILP) para reverter a emerxencia lingüística que amosan todos os estudos e que, en palabras do voceiro da plataforma, “é reversíbel co compromiso do poderes públicos e das entidades sociais”.
“Non nos resignamos”, asegura Maceira, “se a lingua galega está viva é porque hai unha sociedade que a defende e actúa para mantela”. Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego recordou que mentres a Xunta amosaba por un lado un suposto interese pola lingua e lexislaba polo outro contra a súa presenza en ámbitos como os medios públicos, a administración ou a IA, a sociedade manifestábase en apoio aos acordos unánimes previos arredor da lingua (como o actual PXNLG, a DUDL ou o a CELRM) e ás alternativas que as entidades ían elaborando colectivamente nun proceso que culminou no Protocolo Lingua Vital.
A iniciativa lexislativa popular presentada hoxe recolle os principais aspectos dos acordos pola lingua acadados por entidades da lingua mais tamén sindicais, culturais, veciñais, da comunidade educativa, do ecoloxismo ou das persoas consumidoras. Unha vez admitida a trámite, comezará un proceso de recollida de sinaturas que contará coa implicación de centos de colectivos sociais e de persoas voluntarias para que en cada vila e localidade de Galiza se poida asinar e apoiar esta proposta para reverter a emerxencia lingüística e facer da nosa unha lingua vital, en todo e para todo.
“Na diversidade e pluralidade da comisión promotora desta lei”, afirma Maceira, “pode verse que a lingua galega é elemento de unidade e cohesión social, que no contexto actual é máis necesario que nunca defender e impulsar”. “Non hai ningún motivo para que o Parlamento non aprobe esta iniciativa lexislativa popular”, conclúe, “porque non hai ningün motivo para incumprir os acordos en relación ao idioma”.
As entidades que forman parte da Comisión promotora en representación das 396 que apoiaron o Protocolo Lingua Vital son: A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), Asociación Socio-Pedagóxico Galega (AS-PG), Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia), ANPAS Galegas, Prolingua, Rede da GaliLusofonia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), Asociación de consumidores de Galicia (ACOUGA), Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Federación Galiza Cultura, Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral, Asociación veciñal Agra, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Movemento Sumar Galicia, Vía Galega, Erguer, Galiza Nova, Confederación Intersindical Galega (CIG), CIG-Ensino, Sindicato nacional de Comisións Obreiras (CCOO), Federación de Ensino de CCOO e Unión Xeral de Traballadores e Traballadoras (UXT).
| Contido da ILP Partindo das medidas contempladas nos acordos unánimes arredor da lingua (PXNLG, na CELRM, da DUDL e Lei Paz Andrade) e como resultado do proceso colectivo do que resultou o Protocolo Lingua Vital, preséntase unha proposta de lei con acción centradas en garantir a presenza do galego en todos os ámbitos e para todos os usos: 1. Garantía dos dereitos lingüísticos: para asegurar o cumprimento da PXNLG, a avaliación de impacto lingüístico das novas normas, o dereito ao uso do galego nos servizos económicos e comerciais e a creación dunha valedoría de dereitos lingüísticos. 2. Ensino: proponse derrogar o decreto contra o galego e estabelécese a galega como lingua vehicular e de acollida no conxunto do ensino sen que poida ser restrinxido, así como asegurar a formación do profesorado, a oferta de materiais e recursos didácticos, un programa específico na formación profesional e o aproveitamento da lusofonía. 3. Servizos públicos: Como lingua da administración pública, estabelece a oferta positiva en galego, o seu coñecemento para o acceso ao emprego público e a súa presenza e disposición por defecto e prioritaria da administración, incorpora clausulas e garantías de oferta e uso de galego nos contratos públicos. En ámbitos como a sanidade proponse a un plan de xestión lingüística e na xustiza a presenza do galego nos programas de xestión e documentos. Para contribuir á galeguización da administración a Xunta promoverá a creación de servizos de normalización lingüística e a coordinación entre eles. Por último, estabelécense accións e programas para a formación e integración de migrantes integramente en galego tendo en conta ás entidades representativas destas comunidades. 4. Medios de comunicación e dixitais: respecto aos medios públicos, a ILP propón o uso exclusivo do galego en todos os programas e producións, incluídos os contidos publicitarios, así como un plan estratéxico da CSAG que recupere o seu papel normalizador, o pluralismo e unha oferta ampla e atractiva, nomeadamente para o público infantil e xuvenil. Nas tecnoloxías propón asegurar a presenza por defecto e a súa incorporación nos servizos e dispositivos dixitais. 5. Oferta cultural, audiovisual e actividades deportivas: Estabelece o investimento público en obras e actividades culturais en galego, a promoción da distribución e difusión do libro en galego, cotas de emisión, dobraxe e lexendaxe para os fornecedores de servizos de comunicación audiovisual, garantir a exhibición de cinema en galego nas salas, e o galego como lingua das actividades deportivas nas que participar a Xunta. 6. Acción exterior, galego estremeiro e lusofonía: reclamación da oficialidade do galego na UE, o recoñecmento de Galiza na CPLP, mecanismos para a efectivización da ILP nos territorios de lingua galega fóra da comunidade autónoma e a creación do Instituto Rosalía de Castro para a promoción do galego no exterior. Disposición derrogatoria e finais. Finalmente, a ILP, conta cunha disposición que derroga o decreto contra o galego no ensino e unha serie de disposición finais que modifican os aspectos máis lesivos contra o galego de leis aprobadas polo Partido Popular en ámbitos como o consumo, o emprego público, a administración local, os medios públicos ou a intelixencia artificial. |
A AELG considera inaceptábel que a Xunta de Galicia colabore, a través dunha entidade instrumental coma a Fundación da Cidade da Cultura, con actividades literarias en español
Desde a AELG é de todo punto inaceptábel que a Cidade da Cultura acolla a realización dun curso anual de escritura que ten como idioma de desenvolvemento o español.
Segundo se pode consultar tanto na web da antedita escola, como na da Fundación da Cidade da Cultura, fundación de interese galego, pertencente ao sector público autonómico que ten a consideración de medio propio e instrumental da Xunta de Galicia, o curso está organizado por Escuela de Escritores, unha entidade privada, S. L., con sede en Madrid, dirixida por Javier Segarra. A actividade conta coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura.
Na publicidade da actividade, dáse conta de que diferentes escritores e escritoras galegos participarán como docentes no curso e que o idioma en que se desenvolverá será o español. O curso ten un custo de 2.350€ por persoa e é idéntico na súa estrutura aos que se impartirán noutras cidades españolas como Burgos, Zaragoza, Getafe ou Málaga e Bilbao, variando os docentes que imparten en cada cidade.
Desde a AELG non se entende que a Xunta de Galicia, a través dunha entidade instrumental, apoie actividades privadas que non fomentan a nosa lingua nin redundan no incremento da creatividade literaria galega.
É máis, se consultamos o II Plan estratéxico da Cidade da Cultura de Galicia, 2021-2027, concluiremos que esta actividade contravén algúns dos seus obxectivos estratéxicos como o de “Impulsar os procesos de investigación, innovación e formación no sistema cultural galego”, declara Cesáreo Sánchez, presidente da AELG. “O emprego do español durante a actividade, colócaa fóra do noso sistema cultural”, engade. “Resulta inconcibíbel, especialmente se temos en conta, como se di na Introdución, que este II Plan naceu dun proceso de elaboración conxunto que pretende incorporar á nova planificación as necesidades e expectativas do sistema cultural galego, que como sinala a Estratexia da Cultura Galega ten unha gran relevancia económica e social e conta cun enorme potencial de desenvolvemento en eidos como o patrimonio, o turismo cultural, as novas tecnoloxías ou a industrialización, a modernización e a profesionalización do sector”, engade Sánchez Iglesias citando o documento da Fundación Cidade da Cultura.
A AELG pregúntase de que forma pode unha actividade que non é na nosa lingua contribuír a “consolidar o centro, … tamén como un xerador de contidos ao servizo do sector cultural e creativo galego”, segundo pretende o II Plan estratéxico.
Para alén do xa indicado, desde a AELG, consideramos que esta proposta de Escuela de Escritores incumpre o artigo 7, apartado d) dos estatutos da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que di: “Cantas dinamicen o sistema cultural galego, promovendo a difusión e conservación da nosa cultura, e a formación dunha comunidade artística vibrante, atendendo tanto a autores de referencia como a novos talentos ou a cultura de base.”
Por todo isto, a AELG considera que esta actividade non debería de contar coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, nin da Xunta a través dela e que debería reverter esta ou outras colaboracións con entidades que non van fomentar a normalización do feito cultural galego nin contribuír ao crecemento da nosa lingua literaria e o sector do libro galego.
Ligazóns:
Orzamento da Fundación Cidade da Cultura de Galicia para este 2026.
Canido (Ferrol): apresentaçom de Galego, para nós!, de Maurício Castro
Compostela: lançamento do novo Topogal
Compostela: Xornada Os Centros de Estudos Galegos a debate, o 17 de xullo
Queremos Galego impulsará unha Iniciativa Lexislativa Popular para blindar o galego e reverter a emerxencia linguística
Desde Queremos Galego:
“Queremos Galego anunciou o 2 de xullo en rolda de prensa a primeira acción colectiva nacida do Protocolo Lingua Vital; a presentación en setembro dunha Iniciativa Lexislativa Popular. A plataforma de defensa da lingua dará a coñecer o texto da ILP en setembro, xunto coas persoas e colectivos sociais que forman parte da comisión promotora.
Na presentación participou unha representación das entidades apoiantes do Protocolo Lingua Vital: Lucía Veciño Souto (Fundación Galiza Sempre), Paulo Carril (CIG) Claudio Pan Carollo (CCOO), Antuán Rivas (Artistas da Dobraxe ADA), Olga Patiño (AS-PG) Rocío Núñez (Movemento Sumar), Mercedes Tobío (BNG), Xandre Garrido (Avante LGTB+), Iria Nande (Galiza Nova), María Maroño (Erguer) e Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüistica)
Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, avanzou que os principais obxectivos desta ILP serán reverter as normas contra o galego e a emerxencia lingüística, blindar os acordos a favor do galego e garantir os dereitos lingüísticos. “Existe unha distorsión entre o que din os plans e a realidade legal da nosa lingua”, lamentou Maceira, “e precisamos que a lei ampare e asegure o cumprimento dos acordos estabelecidos a favor do galego”. “Incumprir o Plan non ten custos”, recoñeceu, “incumprir a lei, si”.
Maceira foi moi duro na crítica ao goberno galego. “Desde 2004 e desde 2024 vese a falta de palabra e de interese do goberno do PP en actuar a favor do galego”, asegurou. “A acción da Xunta foi contraria a calquera obxectivo normalizador fixado nos acordos nacionais e internacionais”, criticou. “Incumpriron ata os seus propios documentos e prazos”, recordou, “incluíndo a revisión do PXNLG que ía estar lista a finais do pasado ano”.
Segundo o portavoz de Queremos Galego, “se algo está a demostrar Rueda é que non é de fiar e a súa capacidade de pór a súa fobia ao galego -moatrada naquela infame manifestación de febreiro do 2009- por diante dos intereses de Galiza, porque a lingua galega é a mellor expresión da propia existencia de Galiza”.
Unha das medidas máis urxentes para dar cumprimento ás resolucións do Consello de Europa e da ONU, que incluirá a proposición de Lei Lingua Vital, salienta Maceira, é a derrogación do decreto 79/2010, recoñecendo o galego como lingua vehicular e de acollida en todos os niveis, asegurando a docencia en todos os cursos e materiais didácticos, ofrecendo formación do profesorado e información a familias e aproveitando a lusofonía.
No relativo aos servizos públicos, é preciso blindar a oferta positiva na administración, xustiza e sanidade; asegurar a presenza do galego nos programas informáticos e introducir cláusulas lingüísticas nos contratos públicos. As entidades sociais do Protocolo Lingua Vital exixen, asimesmo, o fortalecemento dos servizos de normalización lingüística e a sistematización de programas específicos para as persoas inmigrantes que chegan ao noso país.
A ILP tamén exixirá a reversión da lei de medios públicos, recoñecendo o papel do galego como lingua exclusiva da CSAG e emendando a lei de IA. Tamén pedirá investimento público en oferta cultural en galego, cotas de dobraxe, lexendaxe e financiamento antecipado, exhibición de filmes en galego nas salas e protección da nosa lingua nas actividades deportivas.
“Perante a emerxencia lingüística”, rematou Marcos Maceira, “só hai unha alternativa: o Protocolo Lingua Vital, elaborado por 70 entidades co apoio de 396, parte dos acordos e engade 300 medidas novas que comprometen entidades sociais e institucións favorábeis ao galego en todos os ámbitos da vida social”. “O galego está vivo e no debate social porque hai un pobo que a defende e que actúa”, concluiu.”










