Carlos Negro: “Dubido, logo existo”

Artigo de Carlos Negro en Terra e Tempo:
“(…) Conclusión: unha tormenta nun vaso de auga.
Nun breve prazo de tempo, é moi probable que toda esta polémica remate por ser unha tormenta dentro dun vaso de auga, un xogo de esgrima dialéctica que se irá esgotando unha vez que arrefríen os ánimos dos participantes; a fin de contas, cando baixamos a pé de rúa, seguen a actuar en contra do galego enormes poderes políticos e económicos dispostos a dinamitar calquera tímida iniciativa de normalización lingüística; e se cadra é neste punto onde o informe do IGEA comete pecado de inxenuidade: en dar por feito que os inimigos do noso idioma van aceptar, por un súbito ataque de amor á Terra, unha solución xusta e equitativa para o actual conflito lingüístico. Porque o lobo, cando traba na ovella, non solta a presa.
Por último, e máis alá de que nos manifestemos a favor ou en contra das teses do informe, exerzamos sempre a elegancia cívica de non anular as opinións contrarias a partir dunha análise parcial e interesada, sobre todo cando as persoas que as emiten coinciden connosco no obxectivo último de defender o futuro da lingua da Galiza; porque se todos/as os que nos consideramos cidadáns conscientes deste país rexeitamos as caricaturizacións perversas que reducen o nacionalismo galego a unha especie de tribo radical e intransixente, deberiamos tamén fuxir das tentacións sectarias que reducen calquera pensamento heterodoxo a unha suposta debilidade ideolóxica sometida ao españolismo.”