Artigo de Xavier Queipo en A Nosa Terra:
“(…) Sen compás semella que andamos tamén en Galiza –reflexo do que acontece no exterior– aínda que aquí o conflito sexa tamén un conflito de civilizacións, que ten a súa manifestación máis sobranceira na loita pola dignidade lingüística, na que uns queren impor o castelán como lingua única e outros o galego como lingua hexemónica. A risco de ser incomprendido, pola brevidade do discurso, direi que a lingua hexemónica é a lingua dos negocios, a que produce valor engadido e xera emprego e riqueza. Cando a inicios do século XX máis do 90% da poboación galega falaba exclusivamente galego, a lingua hexemónica non deixaba por iso de ser o castelán, por dicilo dun xeito directo. Daquela hai que pensar opcións para resolver este conflito, entre outras integrar os inmigrantes tamén en galego, esixir das empresas galegas que fagan a súa publicidade na lingua oficial (e non se pasen polo arco de trunfo o Estatuto de Autonomía) e esixir do goberno que deixe de actuar “contra o galego”, con xenreira inusitada e desrespecto crecente polas institucións democráticas (non tardan moito en pedir o certificado de “españolidade”, curso de sevillanas e vocabulario de tauromaquia incluídos, para poder votar nas autonómicas).”