Entrevista a Xurxo Sierra Veloso en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Cal é a súa principal motivación para escribir literatura?
– Xurxo Sierra Veloso (XSV): Como diría Juan Carlos Onetti, eu escribo por vicio. A literatura ten para min un sentido lúdico que converte cada libro nunha diversión, que non nun divertimento. O máis atractivo da literatura é crear personaxes. Non me interesan os protagonistas heroicos; prefiro que sexan vulgares e polo xeral caen mal. Se o tópico di que nunha novela o lector ten que simpatizar cos personaxes, nas miñas novelas case sempre pasa ao contrario. Decateime ao rematar este libro que o denominador común a todos os personaxes da miña obra narrativa é a obsesión. Son persoas obsesivas e esa obsesión acaba por ser o motor das súas vidas. N’Os fíos hai unha novidade nese sentido. A personaxe de Lidia non ten ese verniz antipático aínda que é moi moi normal, con pantasmas, medos e mesquindades coma calquera. Unha vez que teño os personaxes, as historias valas captando da túa experiencia. Amásoas coa imaxinación e acaban no papel. Sempre hai cousas ao teu redor dignas de ser contadas. (…)
– ANT: Tivo tentacións de escribir en castelán?
– XSV: Non. Se me teño que definir como escritor comprometido, estouno coa literatura galega. Falar e defender o galego pode que sexa minoritario e até alleo a moitas realidades presentes e futuras porque a lingua estase a perder nas novas xeracións que non teñen vínculo coa aldea. En Vigo, por exemplo, onde eu me criei, percibo que a diferenza da nosa xeración, os que chegan agora a adultos xa non van á aldea as fins de semana, xa non ouven o galego namais que nas clases da materia de Galego. Neste tema non son nada optimista. Se aquí houbo un pobo galego algunha vez, agora decidiu prescindir dos seus sinais de identidade.”