O xoves 24 de febreiro, Día de Rosalía, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza unha Lectura simultánea de textos rosalianos en varias cidades e vilas do país, como xa fixera o pasado 2010. Durante estes actos lerase tamén un manifesto que defina explicitamente o noso reclamo da actualidade da obra e pensamento rosaliano e a súa transmisión didáctica ás novas xeracións a través tamén da implicación da escola, así como a nosa demanda dun Panteón de Galegos Ilustres que de verdade sexa de titularidade pública e de uso laico, aberto a todas as persoas que a queiran honrar como unha das personalidades fundadoras da nosa nación, xunto aos demais ilustres que alí descansan, para reforzo e orgullo da nosa memoria colectiva.
Os lugares que temos confirmados até agora son:
1. Santiago de Compostela: Panteón de Galegos/as Ilustres, San Domingos de Bonaval, 19:00 horas.
2. A Coruña: Kiosko Alfonso, 19:00 horas.
3. Vigo: Casa Galega da Cultura, 20:00 horas.
4. Lugo: Museo provincial, 19:30 horas. No acto a desenvolver no refectorio do Museo, con entrada libre, participará profesorado e alumnado do CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, CPR María Auxiliadora, IES Manuel Leiras Pulpeiro e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, xunto con Pilocha que interpretará a capela poemas de Rosalía de Castro.
5. Betanzos: Salón azul do Edificio do Liceo, 20:00 horas. Colabora a A. C. Eira Vella.
6. Ferrol: Galería Sargadelos, 19:00 horas.
7. Ourense. Libraría Torga, 18.00 horas (en colaboración con Gremio LiterAuria).
8. Pontevedra. Libraría Michelena, 20:00 horas.
– Os actos están abertos a todo o público que queira asistir, ainda que solicitamos que envíen previamente un correo electrónico a oficina@aelg.org para confirmar que poema vai ler cada asistente, e evitar así eventuais repeticións.
A seguir expoñemos un resumo das ideas que se desenvolverán no manifesto a ler este día:
1. Demandar para San Domingos de Bonaval a permanencia do Panteón de Galegos Ilustres. Reafirmamos como irrenunciábel que sexa de titularidade pública e de uso laico.
2. Denunciar a regresión na política de investimentos en todos os sectores da cultura por parte do Goberno da Xunta de Galicia, que está a destruír o construído nos últimos trinta anos por varias xeracións de creadores e creadoras, e por toda a sociedade galega no seu conxunto.
3. Apoiar, máis unha vez, todo aquel profesorado que ten manifestado o seu compromiso para co mantemento da docencia en lingua galega e en contra da infravaloración e marxinalidade a que o goberno actual o ten sometido no ámbito do ensino.
4. Demandar, finalmente, que a Consellaría de Educación, máxima autoridade responsábel da xestión educativa, recolla no calendario escolar oficial anual a data do 24 de febreiro como o Día de Rosalía.
A nova recóllese en varios medios: Xornal, Galicia Hoxe, Fervenzas Literarias, o propio día 24 en Galicia Hoxe, El Progreso. O día 25 de febreiro aparecen estas mencións en Galicia Hoxe e Xornal.