O sábado 2 e o domingo 3 de abril celebrarase ACHEGARTE 2011 no Palexco, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, que se presenta como un espazo para gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, chea de vitalidade, que procura visibilizar a cultura galega, gozando das súas variadas manifestacións. Trátase, sobre todo, dun espazo aberto a todo público -aínda que preferentemente a público familiar- para dar a coñecer a cultura que facemos no noso país en todos os ámbitos: a literatura, a música galega nos seus distintos estilos, a danza, o teatro, a ilustración, a maxia, o audiovisual ou as novas tecnoloxías.
As liñas estratéxicas marcadas son:
• Maior protagonismo ao ámbito da creación e dos creadores.
• Incorporación da cultura de base, a cultura amadora e a sociocultura.
• Contribución á difusión e visibilidade dos produtos culturais galegos.
• Procura da conexión cos cidadáns e públicos.
Para desenvolvelas levaranse a cabo tres ámbitos de actuación: CREADORES, CULTURA DE BASE e CIDADANÍA, coas seguintes liñas de traballo: DIFUNDIR produtos culturais, dar a coñecer ideas, iniciativas e proxectos de interese, axudar a visibilizar os nosos creadores; CONECTAR experiencias, interrelacionar artistas e proxectos, relacionar creadores e públicos; e DEBATER sobre a realidade actual e os camiños de futuro da cultura galega, obter conclusións dos debates e poñelas de manifesto.
Deixamos neste arquivo en .pdf o dossier de ACHEGARTE 2011: Achegarte 2011.