Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”

A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.