“Nesta segunda semana do mes de marzo de 2011 fará dez anos da fundación en Santa Comba de Xallas do selo editorial tresCtres Editores, 3C3. Respondendo a unha iniciativa dos empresarios das artes gráficas, irmáns Pichel López –imprenta Eurográficas–, dous profesores do IES Terra de Xallas –X. Amancio Liñares Giraut (Xeografía e Historia) e Antonio Puentes Chao (Lingua e Literatura Galegas)– poñían a andar este proxecto, asumindo colexiadamente a súa dirección editorial. Cando se está a cumprir este 10º aniversario de 3C3 son xa un cento os títulos editados ó longo desta década, 2001-2011, cunha xeitosa nómina de autores. Tendo en conta as súas tiraxes medias, pódese afirmar que dende aquela uns cen mil exemplares no seu conxunto pasaron a enriquecer o mundo editorial, continuando no século XXI a facer realidade aquilo que se lle dicía ós medios na xuntanza fundacional: queremos seguir facendo posible hoxe aquí o milagre de Johannes Gutenberg. 3C3 continúa arestora cos seus proxectos de coleccións e edicións. Proximamente ten proxectada a renovación da páxina web tresctres.com, enchéndoa de novos deseños, recursos e contidos. Séguese na idea de editar ó redor dunha ducia de novos títulos cada ano, seleccionando ben os orixinais e coidando a calidade, interese e variedade das súas edicións.”