Dende a AELG, continuando co especial compromiso con esta cita, queremos participar na iniciativa, que trata de dar pulo e visibilidade á cultura que se fai en Galiza e en galego. Unha festa/feira onde teñan cabida as artes escénicas, as novas tecnoloxías, o audiovisual, o libro, a música…
A Concellaría de Cultura da Coruña está a organizar unha alternativa da cultura galega que comunmente estamos a construír: o foro ACHEGARTE, que se celebrará no Palexco da cidade da Coruña os días 2 e 3 de abril.
En ACHEGARTE estarán presentes con stand propio empresas, asociacións profesionais e institucións que impulsan a creación cultural en Galiza nos diferentes sectores da industria cultural.
Deste xeito, dende a AELG, coa colaboración dos seus socios, organiza as seguintes actividades dentro da feira e no propio espazo que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega terá no ACHEGARTE:
1.- Gravacións en vídeo de autores e autoras soci@s da AELG:
Que contarán o proxecto de creación ou investigación que neste momento están a realizar ou que remataron recentemente, gravación que quedará rexistrada en cadanseu espazo virtual dentro do Centro de Documentación da web da AELG.
2.- Participación no espazo Lecturas compartidas:
No recinto da Feira estará disposto un espazo dende o que @s escritores/as da AELG lerán, recitarán ou contarán. Trátase de que ao longo dos dous días de duración de Achegarte sempre contemos coa figura do escritor, da escritora e da súa palabra.
Este espazo literario está aberto á palabra e a todos/as os/as que queiran escoitala.
Aproveitamos para indicar que xa está aberto na rede o Foro Literatura onde podedes participar tamén coas vosas achegas.