O venres 8 de abril, a partir das 20:30 h., no Edificio de Servicios Múltiples do Burgo (Culleredo), terá lugar a representación de Pisados, por Áncora Produccións, sobre un texto de Gustavo Pernas, cunha duración aproximada de 75 minutos. Nesta obra trátanse temas tan actuais como: as linguas pisadas, a marxinación, a crise, a emigración, o maltrato, a intolerancia, o totalitarismo, o amor, a solidariedade… a través da personaxe de Botamán de Melide, que nos vai descubrindo os seus segredos e nos convida a espertar os nosos sentidos atrofiados polas falsas expectativas dunha sociedade xorda. Recuperamos a personaxe do green man moi presente no mundo celta para o noso teatro, con este texto cheo de lecturas con arrecendos cunqueiráns e valleinclanescos. Unha dramaturxia actual para un público de hoxe. Organizado pola Concellaría de Cultura de Culleredo.