Agustín Fernández Paz debuta por segunda vez

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Xornal:
“(…) A través do desaxuste entre o país da memoria e o país do regreso, a novela [Non hai noite tan longa, de próxima publicación en Xerais]deita unha ollada crítica, “por veces feroz”, sobre o presente de Galicia. “Hoxe non sería peor esa impresión que en 2002”, explica o lugués. “É certo que vivimos un tempo de desmantelamento, pero xa daquela había indicios dese proceso”. E malia a todo, o libro está preñado dun certo optimismo. Evidénciase no título, tirado do Macbeth de Shakespeare: “Non hai noite tan longa que non remate en día”.
Máis preocupado polo futuro da lingua na que escribe que por entrar na Real Academia Galega –”Prefiro que entren as mulleres antes que os escritores de infantil e xuvenil”, arrisca–, Fernández Paz ten outras dúas novelas de camiño ás librarías. Xerais publicará logo do verán Fantasmas de luz, “unha fábula optimista sobre a globalización neoliberal e o cine protagonizada por un proxeccionista no paro”, e Rodeira ultima a dobre edición, en galego e castelán, dun volume de relatos titulado As fronteiras do medo.
Cinéfilo metódico, dos que elaboraba fichas de cada película que vía, Fernández Paz inzou Fantasmas de luz de referencias á gran pantalla. Tanto é así que o libro, adobiado con seis “tomas extra” que redimensionan os personaxes secundarios e deitan algo máis de luz nalgúns recantos da trama, remata cunha serie de fichas de cada unha das fitas.
“A recepción dunha obra literaria é sempre imprevisíbel”, apunta ao cabo o escritor. “A miña obsesión sempre foi a de gañar lectores para o galego, e aínda que son consciente de que o mundo da literatura para adultos é máis pechado, confío en que a novela funcione: que me lean os que me len e que se animen algúns dos que non o facían por publicar eu en coleccións xuvenís. Ter lectores é o mellor que lle pode pasar a un escritor”.”