Entrevista a Agustín Fernández Paz en La Voz de Galicia, a través de Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): Este libro [Non hai noite tan longa] recorda a Corredores de sombra.
– Agustín Fernández Paz (AFP): Si, volvo de novo ao pasado e cunha trama de misterio. (…)
– LVG: É unha novela na que de novo a ditadura está presente.
– AFP: Eu situei parte dos sucesos a principios dos setenta, unha época con moita represión, na que ás veces parece que non pasou nada. Pero non é certo, foi un tempo moi duro: o proceso de Burgos, as folgas de Ferrol…
– LVG: Pero ese contexto segue a pesar moito na literatura, ¿non?
– AFP: Os que escribimos novelas facémolo co que eu chamo fíos da vida, é o único que temos. Todo sae dalgún xeito da miña vida, non no sentido autobiográfi co, pero si do que lin, escoitei, vin… Entón é lóxico que polo menos a xente da miña xeración escriba sobre ese tema. Eu vivín 28 anos na ditadura.
– LVG: ¿Non lle parece excesivo?
– AFP: É unha crítica relativa, mira, hai moitísimas películas sobre os nazis e a Segunda Guerra Mundial. E iso non se ve así. Hai moitas feridas na dimensión humana ligadas a un contexto político e social. Eu aínda me sorprendo cada día, agora cos roubos de nenos, ¡sinceramente, eu non sei antes de que morra cantas cousas máis non aparecerán!
– LVG: O seu estilo é moi depurado, ¿desbota moito material?
– AFP: Eu si. Parto dunha idea que se converte en obsesión, logo esbozo argumentos posibles, fago personaxes, busco cronoloxía, e despois fago fi chas de capítulos hipotéticos. Empezo unha primeira versión a man, que escribo nun caderno de papel satinado amarelo e logo pásoa a ordenador. E aí fago ata 7 ou 8 revisións. (…)
– LVG: Vostede busca sen complexos o entretemento.
– AFP: Na miña concepción da novela o entremento é un axioma. Eu son feliz cando atopo unha obra na que cada capítulo tira doutro.
– LVG: ¿Cal é o seu autor imprescindible en galego?
– AFP: Moitos. Agora estou relendo a Cunqueiro. Pero gústanme Rivas, Miranda, Quiroga… Son tamén moi lector de novela negra, ¡adoro a John Connolly!”