A Coruña: conferencia Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade, de María do Cebreiro

O venres 3 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, terá lugar unha nova charla do Ciclo Escrita(s) 2011, na que María do Cebreiro falará sobre “Rosalía de Castro entre a modernidade e a antimodernidade – elementos para unha nova política de tempo”: Rosalía de Castro nace no mesmo ano no que Charles Darwin debuxa no seu caderno de apuntamentos unha árbore que torcerá o curso do pensamento humano sobre a natureza. Así como dende Darwin o patrón evolutivo se converteu nun dos fundamentos das ciencias da natureza, a modernidade filosófica tendeu a converter a idea ilustrada do progreso nunha das súas principais liñas de forza. Na obra de Rosalía de Castro o progreso desempeña unha función ambivalente. A democracia radical, a utopía socialista e o feminismo da igualdade conviven coa defensa da especificidade cultural de Galicia e a temporalidade progresiva das grandes revolucións coexiste coa apoloxía de certos costumes ameazados pola modernidade. O dobre compromiso descrito permite contribuír a explicar a riqueza sempre problemática da súa obra, capaz de abrir un interrogante que segue batendo no presente: Como conciliar os principios dun igualitarismo universal de carácter emancipador co recoñecemento de distintos tempos dentro deste tempo?”