Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro no Xornal de Galicia:
‘”É unha crónica, é unha reportaxe. Son unhas memorias”. Así describe o escritor Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) o que será o seu próximo libro: De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde. Nesta obra, que publicará en outono Xerais na súa colección Crónica, Fernández Ferreiro retratará as vivencias do histórico Brais Pinto, grupo do que formou parte. “É unha crónica dese grupo, pero tamén de Xente Nova, un colectivo que creei en Ourense e que foi o antecedente do que sería o Brais Pinto“, explica o autor. Non obstante, Fernández Ferreiro vai máis aló e non se queda só no colectivo intelectual formado a finais dos cincuenta. A súa é unha aposta máis global e contextualizadora. “Son unhas memorias dese tempo, de todo o que estaba a acontecer nos tempos do Brais Pinto e de todo o que estaba ligado ao grupo. Fálase de moitísimas cousas. Tamén conto moita miseria, hai unha gran crítica social”, destaca o narrador, que dende comezos de xuño é membro electo da Real Academia Galega. (…)
O escritor considera que a situación que atravesa o galega a día de hoxe vén dada por un “autoodio” que non se superou. “No fondo hai ese autoodio do que se ten falado moito, ese odio ao propio que acaba enxalzando o outro. Ese autoodio é galego, pero tamén é moi español”, explica. Esa autoxenreira que pode seguir presente en Galicia tamén a viviu na súa mocidade. “Eu cando marchei da aldea e fun estudar a Ourense, tiña o complexo de falar galego e quería falar castelán. Era un complexo que tiven e que superei pronto, porque é a lingua de meus pais, a miña lingua. O complexo era unha carallada, pero tivo que pasar tempo para darme de conta”, sinala.
O complexo é unha parte afastada da súa memoria, pero o espírito revolucionario do Brais Pinto está aí, no sentimento galego. “Eu nacín falando galego, e morrerei falando galego. E sobre todo, sentíndoo”.