Artigo de Francisco Castro publicado en El Correo Gallego e no seu blog A canción do náufrago:
“A miña nena ten tres anos e, xa que logo, non sabe ler. Pero colle o iPad e é quen de procurar unha aplicación de Contos Interactivos e escoller un. Todo a toque dun dedo. E aparecen as letras (que aínda non identifica) e a locución vai guiándoa pola historia. E descubre onde ten que premer para que pase algo. Porque os nativos dixitais que len na pantalla len doutra maneira e, xa que logo, para eles a lectura implica un determinado nivel de interactividade. E iso é lectura. Que é do que agora debemos falar no sucesivo. Xa non tanto de literatura senón dunha nova experiencia de lectura.
O papel como o básico, cando menos de momento, pero cada vez máis pegadas as propostas literarias a posibilidade de complementarse na Rede, como parte mesma da trama. Escribiremos, co tempo, para a pantalla. Porque eu como autor podo ir deixando pegadas dixitais polo cibernético mundo adiante para que se siga a miña historia. Ou porque a realidade aumentada vai facer que cando o meu móbil reciba determinado aviso porque estou xeolocalizado por Google, ou por quen sexa, nun escenario da miña obra, algunha información relevante apareza.
Xa o escribín algunha vez refuxiándome en T. S. Kuhn: estamos cambiando o paradigma. A industria editorial moi en concreto (en Galicia aínda non tanto, porque o noso mercado é o que é, pero por aí fóra moito máis). Porque, neste contexto de Literatura 2.0 hai que redefinir tamén todos os elos da cadea de produción do libro. O autor xa non necesita necesariamente (nótese a redundancia, posta aquí a mantenta) da editorial. Calquera pode publicar(se). (…)”