Artigo de Xosé Monteagudo en Cadernos Redelibros:
“Moitas veces, en encontros con lectores ou nalgunha entrevista, téñenme preguntado por que escribo. A resposta que dou nesas ocasións trata sempre de axustarse á verdade sen repetir as palabras que antes deron outros escritores. Porque no fondo, creo que a maioría dos que dedicamos tempo e enerxías á tarefa de escribir facémolo por unhas razóns máis ou menos parecidas que teñen que ver todas elas co propio desexo irreprimible de escribir. O que en cambio ninguén me preguntou nunca é por que leo. E non obstante, creo que a resposta que eu podía dar a esa pregunta é bastante máis interesante ca a que dou á outra.
Ata os trece anos non lin unha novela nin un libro de poesía, nin sequera un relato. No fogar onde nacín non había exemplares desa clase e o primeiro recordo que teño dun libro foi a lectura dun vello tratado de Historia Antiga que entrara na casa cando algún mestre da escola que había na aldea acordara desfacerse del. No colexio público de Moraña onde estudaba, nos anos setenta aínda non existía o costume nin entraba dentro das normas pedagóxicas nin dos programas de ensino que os mestres lle recomendasen aos alumnos a lectura de contos, novelas ou poesías. Así é que pasei toda a miña infancia sen esa experiencia. Con todo o que supuxo despois, cos anos que transcorreron desde que podo dispoñer de libros a eito sen que deixe pasar en ningunha circunstancia máis de dous ou tres días seguidos sen abrir un deles, pregúntome ás veces como puiden sobrevivir daquela tanto tempo sen lecturas. Pero foi así. E para explicalo só podo pensar que quen non coñece unha experiencia nin ten ao seu alcance os medios para saber dela dificilmente pode botala en falta. (…)”