Francisco Martínez Bouzas: “Pegadas da metaficción na narrativa galega de hoxe”

Artigo de Francisco Martínez Bouzas en Cadernos Redelibros:
“Este texto, con algúns engadidos e modificacións, apareceu publicado na revista A Trabe de Ouro, número 88 (xaneiro-marzo de 2011) páxinas 121-128. Pretendeu e pretende ser una reflexión sobre a presenza da metaficción nas letras galegas máis recentes, nomeadamente na narrativa de noso. Os exercicios metaficcionais son unha realidade incuestionable na actual literatura, aínda que provoquen moitos interrogantes, dúbidas e mesmo certas doses de pasmo nalgúns críticos e lectores. Para algún crítico as mostras máis recentes de metaficción na literatura galega renxen estrepitosamente. A conclusión que pola miña parte tiro de todas esas achegas experimentais e vangardistas atópase nas antípodas destas posturas escépticas, admitindo, porén, que todo, tamén as innovacións no eido da literatura están sometidas ao péndulo e as servidumes do relativismo. (…)”

Xavier Queipo: “A arte de ilustrar libros”

Artigo de Xavier Queipo en Cadernos Redelibros:
“(…) Funme acostumando así, ao longo dos anos, a que os libros (os que me gustaban) tivesen algún tipo de ilustración. Collín un gusto especial pola asociación entre ambas as dúas artes —ilustración e escrita— e sempre que puiden incluín deseños gráficos nos meus libros. Chamei polos meus amigos Fausto Isorna, Ce Tomé e Euxio Noceda que fabricaron as súas colaxes, respectivamente, para Contornos, Mundiños e Manual de Instruccións. A seguir, Maite Ramos e José Cisneros, aportaron os seus deseños fantásticos en O espello e o dragón e A illa dos cangrexos violinistas, respectivamente.
O sentido que eu lle dou a ilustración de textos literarios, é o de paralelismo. Non se trata de que o ilustrador “ilumine” o texto con deseños explicativos (iso queda moi ben para os libros técnicos, onde unha imaxe pode axudar —e mesmo debe facelo— á comprensión do texto), senón de que con base no texto constrúa unha versión da historia desde a súa aproximación artística. (…)”.

Marta Dacosta: “Memoria dunha muller pegada a un libro”

Artigo de Marta Dacosta en Cadernos Redelibros:
“Di unha curmá de meu que son unha muller pegada a un libro. Si, como tantas outras mulleres e homes que teñen na lectura un dos seus praceres predilectos. Cando isto sucede, os libros convértense en chanzos da memoria e os textos ilumínanse cos sucesos da vida propia, lente a través da cal ler e interpretar. (…)”

David Pintor: Os ilustradores, a lúa e a industria do libro

Artigo de David Pintor en Cadernos Redelibros:
“Non hai moito, en Galicia os ilustradores non apareciamos nas portadas dos libros, non eramos considerados autores, e non cobrabamos dereitos polos nosos libros. Eramos, simplemente, uns tipos que enchían uns ocos que había polo medio do libro. Non tiñamos, nin de lonxe, a consideración que si se lle daba aos escritores. Case que nunca apareciamos referenciados nas axendas culturais, non eramos invitados ás presentacións dos libros inda que fósemos parte fundamental do mesmo, non eramos invitados ás feiras internacionais, non eramos considerados por parte das administración públicas, etc. (…)
Todos queremos unha industria cultural do libro moito máis forte en Galicia. Unha industria aberta e independente. Unha industria que leve polo mundo os marabillosos libros que se fan aquí e que compita de igual a igual con calquera literatura de calquera país en calquera feira internacional. Unha industria que permita a profesionalización e a dignificación do oficio do ilustrador. Unha industria cunhas editoras fortes, que canalicen o traballo dos creadores. Unha industria imprescindible se queremos que o libro galego teña un sitio importante nun mundo cada vez máis globalizado. Unha industria transparente na que escritores, ilustradores, editores, tradutores, críticos, libreiros, distribuidores, deseñadores, impresores, etc. nos sintamos importantes. Creo sinceramente que Galicia podería competir a nivel literario en calquera feira do mundo. Estamos nun momento de grande talento en Galicia que debemos aproveitar. Temos una canteira de ilustradores para xogar a Champions League da literatura. Pode ser o momento.”

Xosé Monteagudo: Por que me fixen lector

Artigo de Xosé Monteagudo en Cadernos Redelibros:
“Moitas veces, en encontros con lectores ou nalgunha entrevista, téñenme preguntado por que escribo. A resposta que dou nesas ocasións trata sempre de axustarse á verdade sen repetir as palabras que antes deron outros escritores. Porque no fondo, creo que a maioría dos que dedicamos tempo e enerxías á tarefa de escribir facémolo por unhas razóns máis ou menos parecidas que teñen que ver todas elas co propio desexo irreprimible de escribir. O que en cambio ninguén me preguntou nunca é por que leo. E non obstante, creo que a resposta que eu podía dar a esa pregunta é bastante máis interesante ca a que dou á outra.
Ata os trece anos non lin unha novela nin un libro de poesía, nin sequera un relato. No fogar onde nacín non había exemplares desa clase e o primeiro recordo que teño dun libro foi a lectura dun vello tratado de Historia Antiga que entrara na casa cando algún mestre da escola que había na aldea acordara desfacerse del. No colexio público de Moraña onde estudaba, nos anos setenta aínda non existía o costume nin entraba dentro das normas pedagóxicas nin dos programas de ensino que os mestres lle recomendasen aos alumnos a lectura de contos, novelas ou poesías. Así é que pasei toda a miña infancia sen esa experiencia. Con todo o que supuxo despois, cos anos que transcorreron desde que podo dispoñer de libros a eito sen que deixe pasar en ningunha circunstancia máis de dous ou tres días seguidos sen abrir un deles, pregúntome ás veces como puiden sobrevivir daquela tanto tempo sen lecturas. Pero foi así. E para explicalo só podo pensar que quen non coñece unha experiencia nin ten ao seu alcance os medios para saber dela dificilmente pode botala en falta. (…)”

Ramón Caride: A aventura do futuro. Da ciencia ficción na literatura infantil e xuvenil

Artigo de Ramón Caride nos Cadernos Redelibros:
¿De que falamos cando falamos de fantasía científica?
Falar de ciencia ficción semella unha contradicción per se. Se unha cousa é ciencia non é ficción, e se é ficción non é ciencia. Ou sexa, que nos choven as labazadas dos dous lados. E por riba: defensione non pedita… Citas á parte, os catalogados como autores de subxénero, con todo o que o prefixo sub ten de connotativo, non temos moita ocasión de falar de literatura. Como se a literatura non fose con nós.
Mala fama, e peor crítica, perseguen por estes pagos á fantasía científica —“ciencia-ficción” por mal nome se nos atemos a pésima e literal, como en tantos outros casos, traducción do termo anglosaxón—. A confusión dos sustantivos non é senón outra das confusións que se amorean sobre este xénero. Esta variante da novela de aventuras que utiliza como unha das súas referencias básicas as aportacións ou proxeccións da ciencia —que isto, e non outra cousa, é a fantasía científica—, oscila entre o menosprezo do canon e o beneplácito dos lectores, ou viceversa. Viceversa, decididamente, porque a xerarquía entre ficción e ciencia, ou entre pracer e erudición, no noso caso, está clara a favor dos primeiros termos destas dicotomías delirantes que, aínda hoxe padecemos a cotío.
¿Por que a ciencia ficción? ¿Por que ciencia ficción en galego? Etcétera. Case dúas décadas despois de que un —e desculpen tanto falar da obra propia— perpetrase aquel pecado orixinal de novela de xénero chamada Soños eléctricos, semella que non abondase aínda a penitencia. Por sorte, os rapaces e rapazas son lectores lúdicos e entenden pouco de xéneros, nada de subxéneros nin de canons. Abominan das antoloxías para saír ou entrar no milenio, das historias xerais e das particulares, dos panexíricos sobre a normalización ou dos problemáticos camiños e corredoiras do noso sistema literario. A literatura xuvenil é, se cadra, o derradeiro refuxio da aventura. (…)”

Rexina Vega: Galicia e Cataluña. Un diálogo trucado

Artigo de Rexina Vega en Cadernos Redelibros:
“Hai xa ben de anos que falamos de literaturas peninsulares sen dar conseguido que esta realidade sexa recoñecida na súa complexidade. Nin dende o centro —ocupado pola expresión castelá cada vez máis poderosa na súa dimensión internacional—, nin desde as periferias —nas que nos movemos prisioneiros dos cárceres simbólicos dos límites territoriais—, somos quen de trazar canles seguras e sólidas que fomenten o coñecemento da diversidade. Porén, o contacto, o trasvase fructífero, tivo e continúa tendo lugar.
Neste texto quixera centrarme nas relacións de dúas das literaturas que compoñen este mosaico ibérico, a catalana e a galega, e quixera facelo falando tanto de autores concretos como de trazos de recepción e sensibilidade social, amparada na miña propia experiencia como profesora na área de filoloxía galega da Universitat Autònoma de Barcelona durante os anos noventa.”